Areas descoñecidas

San Pedro

A praia de San Pedro vista dende o comezo da baixada

Coa chegada das altas temperaturas estivais os veciños da Costa da Morte gostamos de achegarnos ás vilas mariñeiras para disfrutar das praias. A cotío se fala da praia de Laxe, inmortalizada para sempre nos miolos dos galegos pola serie Mareas Vivas. Aquel Portozás da ficción converteuse nunha das vilas  máis turísticas da Costa da Morte. Non en van, tanto os habitantes da zona como os “madrileños” sabemos escoller una boa praia de area fina e auga clarísima. Pero isto non significa que non haxa alternativas se o noso non son as praias familiares e a sombra das terrazas.

San Pedro

San Pedro

Preto da vila de Laxe, no límite entre este concello e Cabana de Bergantiños, atopamos tres praias moi especiais. Todas elas teñen en común unha xeografía semellante e polo tanto, un acceso complexo. Deixando atrás as vistosas vivendas do Cabo d´Area, ascendemos pola ladeira ata San Pedro.

 

 

Piquita

A Piquita

Para acceder á praia de  San Pedro debemos tomar unha pista estreita a nosa esquerda tendo coidado de non bater con outro vehículo nas numerosas curvas. A estrada descende ata un punto no que se temos sorte podemos aparcar o coche. Nese lugar comeza o descenso a pé por unha longa escalinata de chanzos de area e madeira. Pouco a pouco  a vexetación deixanos ir descubrindo a beleza do enclave, unha praia tranquila enmarcada por altas paredes de rocha.

 

Se logramos liberarnos do feitizo deste recuncho illado podemos descubrir as praias da Piquita e  Area das Vacas, moi cercanas entre si e de menor tamaño. Baixando cara o núcleo de Canduas, deixamos á esquerda a praia de Rebordelo, a máis coñecida do concello de Cabana. No medio das casas da marxe esquerda da estrada atopamos unha estrada estreita que nos leva a dúas pequenas calas máis descoñecidas.

 

 

Pescadores na Piquita

Pescadores preparando as canas na Piquita

Para baixar ata A Piquita temos que botar man da nosa habilidade sucando carreiros rodeados de toxo. Sen dúbida, o esforzo paga a pena. A  fina area está salpicada de rochas cheas de mexillóns, onde os pescadores se soben para ter unha boa perspectiva.

Volvendo sobre os nosos pasos e tomando o cruce á dereita chegamos á Area das vacas, derradeira parada do noso percorrido. É a máis pequena das tres e porén a máis accesible, xa que unha pista asfaltada chega ata ela. Quizais isto se deba á presenza de vivendas nas inmediacións que no pasado deran outro uso ao areal, tal e como o seu nome suxire.

Cruz Area das Vacas

Cruceiro na Area das vacas mirando cara o Monte Branco

Esta praia ofrécenos unha impresinante vista sobre a Ría de Corme e Laxe, dende o Roncudo, a vila de Corme, pasando pola praia de Valarés ata chegar ao lendario Monte Branco que tanto inspirou ao noso Bardo. Ao pé do camiño que nos leva á area, atopamos un sinal inequívoco de que continuamos na Costa da Morte: unha sinxela  cruz de pedra recorda aos traballadores mortos no mar.

Herba de namorar

Herba de namorar na Area das vacas

Para achegarse aos recunchos que nos agocha a ría abonda con deixar atrás os prexuízos e levar un calzado cómodo. Con pouco de sorte a boa compañía permitiranos gardar no peto alleo unhas floriñas de herba de namorar.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario