O edificio “por se acaso” no castro das Barreiras

As barreiras sobrepasan ó aborto urbanístico

A primeira vez que voei por riba do Val de Vimianzo, chegando ó final del,xa preto dos montes de Cambeda, reparei nun enorme recinto ovalado que estaba case cortado pola estrada comarcal. Un apaixonado da historia coma min non podía deixar a oportunidade de visitar un castro máis de preto. As altas murallas de ata oito metros de altura chamaban dende o aire sobresaíndo na chaira vimiancesa. E isto era tamén algo que tiraba da miña curiosidade, porque un castro en semellante val non era algo moi habitual. Pousei na beirarrúa ó carón da estrada -que rompe parte do castro polo seu lado oeste- e quedei impresionado polo que alí atopei.

O fermoso conxunto dá a benvida ó castro

Un conxunto de vivendas da arquitectura máis senlleira do século pasado dan a benvida a tan importante castro. Comezamos a describir o edificio de tres pisos cuberto a dúas augas. A fachada principal é perfectamente simétrica, tanto que para facer o remate no terceiro andar tiveron que argallar dúas minifiestras a cada lado da ventá principal. Seguindo esa simetría, todas as ventás están sen pintar e os cartos da remodelación serían empregados na colocación duns útiles barrotes nas ventás de abaixo xa que os bandidos, piratas, xitanos e xente perigosa abunda nas aforas e distritos de Vimianzo. Ademais está claro que a maxestosidade do edificio invita ó furto de todos os tesouros que probablemente albergue.

Semellante obra de arte tiña que dispor dunha fachada acorde ca súa valía, e non podía prescindir do máis nobre material: ladrillo tipo edificio de Tarragona, combinado con rectángulos de cor branca, e agora con moitos máis rectángulos pequenos de bloques que foron caendo.

Non conformes co tamaño da casiña decidiron ampliala cara o castro. E como “a morea de terra” da muralla estorbaba, arranxáronse para encaixar o edificio rompendo parte das súas defensas.

O baixo comercial, por se acaso

Estética e conceptualmente tampouco ten desperdicio. Como moitos outros, trátase dun “edificio por se acaso”. O seu uso non debeu pasar de ser un simple almacén durante moitos anos, pero había que facelo por se acaso.

  • Facemos un baixo comercial por se acaso algún día o alugamos.
  • Facemos un deseño tipo edificio con vestíbulo, por se acaso continuamos con máis pisos e os vendemos.
  • Deixamos a placa de teito, por se acaso, facemos máis vivendas enriba, e por iso tamén deixamos á vista as columnas.
  • Facemos o balcón, pero non o rematamos. Por se acaso o remata quen o merque.
  • Por suposto, deixamos o ladrillo á vista, por se acaso a quen llo vendamos se lle dá por pintalo. Aínda que “que quede bonito é o de menos”. De feito, ata combina coa fachada da súa veciña!

    Combinación de ladrillos

  • E facemos unha colección de uralitas e tellas na porta da casa, porque é máis cómodo e gardámolas por se acaso algún día rematamos esa placa con pinchos que temos por teito. E como toque final, para darlle un toque aínda máis do país, poñemos un pote de maceta, que casa á perfección con esta típica construción de aldea.

Colección de tellas e uralitas

Podería continuar, pero non quero cansar ó lector na miña primeira crónica de viaxes. Continúo coa miña admiración histórica polo castro. Decidín subir a saltos pola muralla da entrada para rodeala. E entón… Non, non podo! Pero isto é incrible! Sinto deixar o relato, pero é que como se pode rematar así unha casa??

A cara da chapuza

Dende atrás asusta máis ca por diante

O baixo “por se acaso” é peor aínda por detrás que por diante. A casa amosa agora un engadido en forma de cubo no baixo que se mete máis aínda debaixo da muralla do castro. Un engadido que parece ter vida propia con cara cos seus ollos e nariz: unha tubería que sae de non sei onde, colocada ó xeito máis chapuza, completado por unha mellor visualización da placa cos arames á vista, que deben servir de pararraios.

Da outra casa sobra dicir nada: os cartos que gastaron nos ladrillos da fachada, ben puideran telos empregado en non facer ese estrago á vista facendo unha fachada de uralita.

A agresión que fixeron estes construtores no castro queda pequena se continuamos camiñando pola muralla. Un posesivo dono dunha finca derrubou parte da muralla e do foxo para pechala con muros (como non) de formigón.

O feche da finca derrubou parte do castro

Parte da muralla estragada

Xa non podía máis. Dende alí botei a voar e cando me retiraba cara o meu reduto costeiro botei unha última ollada ó castro, á finca e ós dous abortos urbanísticos. Nunca me deixaredes de sorprender…

As impresionantes "barreiras" do castro

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario