“Se o sábado veñen á quedada os que din que si en Facebook cumpriremos como un venres normal”, Víctor Souto, presidente de Hostelca

É difícil dicir que non a un “Quedamos?”. Se cho din para ir de festa case non se dubida, aínda que non a todos nos guste por igual. Pero se te convidan para saír por Carballo non podes dicir que non. K-damos é a iniciativa da Asociación de Hostaleiros de Carballo para recuperar a vida nocturna dos sábados noite, que na capital de Bergantiños hai tempo que anda apagada, trasladándose a festa aos venres.

Polo Facebook e Youtube xa podemos ver desde hai unhas semanas a curta comercial que decidiron facer para poñer en marcha unha campaña de publicidade viral que consiga reunir aos usuarios da rede social o vindeiro sábado 9 de xuño nos locais da movida carballesa. O lema: “non o podes deixar só, el non o faría”, invitándonos a acompañar ao protagonista do anuncio, facendo unha clara alusión a outro spot ben coñecido na televisión de hai uns anos.

Víctor Souto, quen rexenta o American Dreams e foi escollido presidente da recentemente creada Asociación de Hostaleiros, explica máis en que consiste a iniciativa.

Como xorde a idea de crear a asociación?

O tema saíu de Pedro, da cervexería Dublín. Xuntámonos primeiro cinco e ao final somos vinteún locais aínda que algúns só colaboran en temas de publicidade e con certos eventos. Estamos abertos a que entren os donos de calquera local. De feito, estamos pubs, restaurantes, bares e ata kebabs.

A idea de revitalizar os sábados pénsase case antes de crear a asociación. Por que ese interese?

O sábado é un día cun horario máis amplo, a xente sae máis tranquila. Pois os venres a noite quédase curta porque se traballa o sábado. E en cambio o sábado podes alongar a noite porque descansas en domingo. Nós non lle queremos quitar a xente a ninguén. Simplemente queremos que a xente de aquí saia os sábados, pois moita non sae porque non lle apetece desprazarse. Entón, pretendemos dar unha oferta distinta e variada, con locais moi ben preparados.

A quen se ocorre a campaña K-damos?

Ocorréuselle a Fran dos 40 Principais, que foi xunto cos seus compañeiros os que fixeron o vídeo.

Son posibles dous días de marcha seguidos?

Nós ofertamos para ter as dúas posibilidades. Non dicimos que a xente veña dous días. É máis, penso que vai ser clientela distinta.

Que lles diríades á xente para que acuda a este primeiro sábado de “quedada”?

Este sábado da “quedada” haberá festas e traeremos algúns participantes no programa Mujeres Hombres y viceversa, que estarán durante a tarde nas cervexerías e pola noite rotando polos pubs. Todo o mundo que veña, vai repetir. Queremos facer algo tamén o seguinte sábado 16 e despois xa é o día da cachela, un día especial que ou se opta por quedar na casa ou saír. Os locais por suposto imos abrir.

É unha quedada vía Facebook. Resulta máis fácil usar as redes sociais para promocionar?

Pensamos que si, aínda que tamén temos outras formas de publicidade. Pero si, hoxe todo se move na rede. De feito, o vídeo que colgamos no primeiro día tiña xa mil visitas.

Ao mesmo tempo é unha forma de análise das expectativas que ten unha quedada coma esta.

Non é fiable de todo pero hai unha xente importante que dixo que si no evento que confiamos en que veña.

Pero en Hostelca non só hai bares e pubs senón restaurantes. Tedes pensado outra iniciativa neste campo?

Iniciativas temos moitas, o que pasa é que eu considero que hai que facer as cousas pouco a pouco. Cada un temos ideas diferentes, pero despois pulilas e poñelas en marcha leva tempo.

Víctor Souto:  Esperamos que o bo tempo invite a saír, pois o ambiente da rúa é moi importante

De cara o verán apetece máis saír cear fóra e ir de festa. Un bo momento para comezar a campaña?

Contamos en que o bo tempo nos axude porque o ambiente da rúa é moi importante e a boa temperatura anima a saír. Despois sempre nos van fastidiar un pouquiño as festas de fóra, que cando toquen pola zona xa sabemos que baixan os clientes pero convivimos ben con elas.

Por que pensas que ocorre que unha zona estea de moda nun momento e de repente quede sen xente?

Ás veces é por deixadez dos locais, tamén porque a xente ten outras formas de divertimento como é o botellón, as modas do momento e, sobre todo, a crise. Sáese un día só e se tomas unhas copas o venres xa non saes o sábado.

Unha opinión da situación da movida de Carballo os venres.

Eu son adicto á movida carballesa desde os catorce anos. Sempre me gustou moito, sempre o pasei moi ben e nunca tiven ningún problema.

E no referente ao número de xente?

Un dos temas da campaña tamén é dinamizar os locais que teñen menos xente. Se o local do lado ten xente e eu non é positivo pois algunha xente vai acabar vindo ao meu. O que non podes facer é esperar a que o outro quede sen clientes porque despois imos quedar todos.

Se mañá sábado fose coma un venres normal xa se cumpriría o obxectivo?

Esperamos que sexa o mellor posible. Polo menos os que quedaron en vir no Facebook que veñan e entón xa se cumprirá un venres normal. Ademais, é unha boa opción para toda esa xente que nos reclama que non hai ninguén os sábados en Carballo e que non hai a onde ir. Hai que cambiar un pouco esa dinámica.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario