De cando as rás cantan nunha edificación inacabada

Entre dous edificios pontecesáns as rás teñen o seu hábitat. /Foto: Noelia Antelo/

Voaba de camiño ao esteiro de Cabana, intentando guiarme polo Anllóns, cando fixen parada no centro de Ponteceso. Pensaba que non se me perdía nada pola rúa principal ata que vin unha piscina natural entre dous edificios. “Unha pasada”, pensei. “Mira ti que ben o pensaron!” É ironía si, por se pensabades que os cormoráns non usabamos figuras literarias. Cheguei a esa piscina, lagoa ou poza grande alertado polo croar das rás, que ou alí hai moitas ou xusto me cadrou no momento da actuación musical. Non sei canto de profundidade terá o dito estanque, nin quero sabelo. Un amigo meu ao que lle contei a historia díxome que o comprobara aproveitando a miña capacidade para somerxerme pero, ¡nin tolo! E se quedo enleado con algo que haxa aí abaixo? Porque hai unha zona máis clara onde se ve a auga pero polo resto é todo verde xa…e mira que de sempre me gustou o verde pero este dáme un pouco de noxo. A maleza dá para a rúa e, por moi pouco que me guste, case é mellor que sexa así e disimular un chisco a “fermosa” paisaxe que hai no fondo. Na superficie pastosa vin de todo: latas, botes, botellas… A xente bebeu e tirounos para aí. Vale que iso xa está un pouco porco pero se tiramos os residuos nel…será peor, ou pensas que iso non lle afecta ás rás? Non falei con elas pero estou case seguro. Isto é falar por falar. Crin importante contárvolo por se pasades por Ponteceso e oídes cantar as rás. Eu agora descanso tranquilo neste mar. Ata a próxima.

Non debe ser moi gustoso mirar pola ventá neses edificios. /Foto: Noelia Antelo/

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario