O edificio inacabado de Quenxe

O edificio atópase nos arredores da praia de Quenxe

Despois de pasar uns días de retiro pola desembocadura do río Anllóns visitando un acuario de rás improvisado, púxenme de novo a voar na busca de novas terras, mares e praias. Crucei entón media Costa da Morte para chegar a Corcubión. A vila de San Marcos ademais de ser coñecida polo seu casco medieval tamén ten moita sona por ter sido a primeira vila da Costa da Morte en sumarse á moda da “marbellización”.

Paseo a miúdo pola praia de Quenxe e os seus arredores, onde tivo lugar este desproporcionado crecemento inmobiliario. Despois de tantos anos un acábase acostumando a todo. Do que non consigo esquecerme nin nos meus mellores soños é dun dos edificios que alí se atopa, unha construción que sufre de anorexia, está nos ósos dende xa hai moitos anos e a vexetación está comezando a apoderarse del. A edificación atópase paralizada, non me preguntedes o motivo, son un cormorán, a min non me informan desas cousas. Quizais se parou por orde xudicial, quizais foi porque o promotor cambiou de opinión ou igual o pararon por romper a estética de Quenxe cun toque un tanto “alternativo”.  Quedo un par de horas diante del reflexionando, será un bo sitio para refuxiarse dos fortes temporais deste recuncho da costa galega? Mentres me atopo aquí contemplando esta “marabilla” da arquitectura contemporánea espero que comecedes a gozar do verán que xa comeza. Vémonos.

Este edificio a medio cociñar dos arredores de Quenxe non ten pinta de que se vaia rematar

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario