Dombate, a corazón aberto

Os visitantes do Dolmen de Dombate por fin terán acceso ó corazón da capital do megalitismo galego. Tras varios meses de traballo, onte pola tarde os técnicos e responsables da Deputación da Coruña daban o visto e prace para que se abra ao público a peza que completa o centro de interpretación de Dombate, que será nun futuro a cabeza do Parque Arqueolóxico do Megalítico da Costa da Morte. No seu interior atopamos unha réplica do dolmen que nos permite coñecer de primeira man o aspecto das pinturas e gravados descubertos nos ortostatos.

No centro de recepción de visitantes, xunto coa réplica podemos ver un vídeo explicativo sobre o proceso de elaboración da mesma acompañado de paneis que nos falan tanto da historia deste dolmen coma da de outros monumentos megalíticos da Costa da Morte. O edificio dispón tamén dunha zona acondicionada para ser sala de proxección, pero polo momento non hai ningún material audiovisual a disposición do interesado.

dombateexterior

Cemiterio milenario

O dolmen de Dombate foi escavado por primeira vez entre os anos 1987 e 1989 por un equipo dirixido por José María Bello Gómez, actual director do Museo Arqueolóxico da Coruña. Estas excavacións puxeron de manifesto a existencia de dous monumentos funerarios anexos e cronoloxicamente sucesivos. O Dombate antigo é un monumento funerario de reducidas dimensións, anterior aos inicios do IV milenio a.C. Da súa cámara só se atopou unha das lousas, fragmentada, e o sitio deixado polas demais. Hoxe podemos ver tamén unha réplica deste pequeno dolmen grazas á musealización de Dombate. Non podemos menosprezar este descubrimento, xa que se trata do primeiro caso no país no que aparece un monumento asentado no lugar ritual doutro anterior.

Ao carón do pequeno, cara o 3.900 ó 3.600 a.C.  constrúese o Dombate recente, o que todos coñecemos e ao que tanto cantou o bardo Pondal. Presenta unha cámara poligonal e un corredor polo que acceder ao lugar dos enterramentos. As súas dimensións son impresionantes: case 5 metros de altura e lousas de ata 8 toneladas. Para traer estas pedras dende os montes próximos suponse que farían falla uns vinte homes.

replicadolmendedombate

Unha solución que chega tarde

O proxecto de musealización do dolmen xorde en gran medida polo achado no interior do Dombate recente de pinturas e gravados. Para a súa conservación precisan estar alonxadas da luz solar directa e da choiva. As pinturas debían cubrir todo o interior da cámara e o corredor, pero no momento das excavacións só foron localizadas na parte inferior dos ortostatos. Isto debeuse sen dúbida ao paso do tempo e os axentes atmosféricos, que non conseguiron borrar a parte baixa pola presenza de sedimentos.

As pinturas do interior do dolmen teñen un deseño moi esquemático: trátase de liñas que se cruzan en zigzag. As cores  utilizadas son negra, feita con carbón vexetal, e vermella, de óxidos de ferro. Segundo os expertos, seguramente as composicións máis interesantes estarían na parte superior das pedras. Ao longo dos anos realizáronse diversos traballos para evitar o seu deterioro, xa que quedaron ao descuberto despois das excavacións, expostas ao deterioro do clima e dos energúmenos. Os traballos de protección foron lentos e demorados no tempo, á espera do que decidiran as diferentes administracións.

Vinte e tres anos despois das primeiras escavacións, as pinturas xa non son as que atopou Bello nas primeiras escavacións. Unha lona de plástico negro e unha tampa de madeira foi a súa única protección durante dúas décadas esperando a un proxecto que nunca daba chegado, coa clásica desputa entre o o organismo provincial e o Goberno galego. Finalmente, o edificio levouse a cabo, coa construción dunha infraestrutura criticada por moitos. Atrás queda outro proxecto da Deputación que pretendía crear en Dombate unha especie de nave espacial con cámaras no interior da anta para ver as pinturas e cúpulas de cristal.

pinturasreplicadombate

Un dolmen por descifrar

A diferenza das pinturas, os gravados que se conservan están nas zonas medias e altas dos ortostatos. Neles hai una figura que se repite varias veces en diferentes posicións. O significado desta imaxe, coñecida como “The thing”, a Cousa, dende os estudos de Shee en 1981, é aínda un misterio para os arqueólogos.

gravadothethingdombate

Así mesmo, na contorna do túmulo atopáronse materiais que nos achegan os ritos funerarios realizados no lugar. Por unha parte, foron achados vinte idoliños antropomorfos de pedra, que actuarían como gardiáns da tumba. Tamén se  recuperaron restos de cerámica, contas de colar de acibeche, machadas pulidas e puntas de frecha, que poderían forman parte do enxoval dos defuntos. Todo este material permanece exposto no Museo Arqueolóxico da Coruña. Na actualidade, réplicas dos idoliños están colocadas na súa posición orixinal xunto coa mencionada reproducción do Dombate antigo realizada con pedras artificiais.

dolmendedombate

A apertura do centro de interpretación de Dombate coa súa réplica permite ao visitante aproximarse á sensación de estar no interior do dolmen. Así, podemos facernos unha idea da súa envergadura e ver de preto as pinturas e os gravados, cos que antes só podiamos ter contacto a través das escasas fotografías proporcionadas polos investigadores. A pesar diso, na visita ao Dolmen de Dombate bótase en falta a presenza dun guía especializado que poida resolver as dúbidas dos interesados. Na actualidade é o persoal de seguridade o que se encarga de abrir o recinto do dolmen e o museo, que aínda permanece sen rematar. Fontes consultadas polo Compás, mesmo dan por feito que este ano non haberá ninguén contratado pola Deputación para explicar a historia do lugar. Por outra parte, a contorna dos edificios dá idea do descoido das autoridades, xa que a herba permanece sen cortar dende hai meses.

dombateexterior2

Comentarios
2 Respostas a “Dombate, a corazón aberto”
Trackbacks
Ver que andan a decir os outros
  1. […] Já podemos ver reproducidas as pinturas e gravuras em Dombate compasdacosta.com/blog/2012/07/05/dombate-corazn-aberto/  por beto hai 2 segundos […]

  2. […] dolmen de Dombate e tres imaxes das réplicas. Fotografías de B. Romero, para compásdacosta. Premer nas imaxes para agrandar o […]



Deixar un comentario