Muxía saborea o camiño en galego

Se durante este verán te achegas a Muxía para gozar dunha boa xornada gastronómica poderás facelo sobre un dos manteis que o Concello deseñou para promover o camiño de Santiago dentro do territorio municipal. Como non podía ser doutro xeito, o cartel tamén pretende fomentar o noso idioma e faino a través dunha serie de palabras en galego para fomentar o coñecemento da lingua galega entre os que nos visitan.

Entre outras cousas, neste mapa-mantel pódense observar os principais puntos de interese turístico do concello como son o miradoiro do Facho, o Cabo Touriñán, as Caldeiras do Castro, o Mosteiro de Moraime… Así como as estradas principais que vertebran o concello ou os dous tramos de camiño xacobeo que pasan polas terras do municipio: a ruta xacobea Fisterra-Muxía e a ruta xacobea Santiago-Dumbría-Muxía.

Con este mapa o goberno municipal mostra ao seu interese tanto pola normalización lingüística como pola dinamización turística, a que defenden coma “un dos máis importantes factores de desenvolvemento económico e cultural da zona”. O concello xa comezou o reparto destes manteis polos establecementos restauradores do municipio, así que, bo proveito!

O mapa-mantel repartirase entre os restaurantes do concello

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario