“Non podemos dicir a fórmula do éxito da Festa do Percebe porque nin nós mesmos sabemos cal é”, Xabier Pombo, presidente da Asociación para a promoción do percebe do Roncudo

Corme hoxe é unha festa. Persoas de todas as idades e lugares chegan a esta vila mariñeira para celebrar un día polo que xa se agarda dun ano para outro. Que o “percebe do Roncudo é cojonudo” xa o sabemos e así nolo quixeron demostrar en anteriores campañas de promoción da festa. A do percebe do Roncudo é unha cita gastronómica que recibe a aqueles padais exquisitos que queren saborear o luxoso produto pero tamén atrae a todos os festeiros da comarca. A partir das 12:30h comezaranse a vender os tickets para degustar o percebe, o polbo e a empanada. Logo, terán lugar os pasarrúas da Charanga Os Kilomberos de Monte Alto e o Grupo de Gaitas Donaire da Coruña. O pregón está previsto para as 13:30h a cargo de Ramón Pombo. E a esa mesma hora ábrese o recinto da degustación. A partir das 14:00h a festa, o baile e a diversión está asegurada coa música de varios dj’s na Praza da Ribeira.

Xabier Pombo é o presidente da Asociación para a promoción do percebe do Roncudo, encargada da organización da XX Festa do Percebe do Roncudo de Corme. Con el repasamos a evolución desta festa gastronómica e falamos do traballo que implica a mesma.

Cúmprense 20 anos dun dos eventos gastronómicos máis veteranos da Costa da Morte. Como recordas os inicios?

Eu era bastante rapaz pero acórdome dos primeiros anos da festa. Foi un proxecto dunha xente que se decidiu a facer algo pola vila. Foron os pioneiros e crearon esta festa que agora é coñecida non só en Galicia senón en toda España. Unha festa que se empezou a facer dunha forma bastante simple ata chegar ao que temos hoxe en día.

Cal foi o motivo polo que os organizadores decidiron seguir adiante unha vez rematada a primeira edición? Foi exitosa?

Non foi excesivamente exitosa pero si tivo unha afluencia grande para aqueles tempos.

Comentaba que era unha festa sinxela. Entón como foi a evolución ao longo destes anos?

Era unha festa do percebe na ademais do produto había bandas de gaitas e charangas. Agora seguen as charangas e o folclore pero incorporáronse as orquestras e dj’s. Hai algúns anos empezáronse a facer as peñas, non só de Corme senon dos arredores, que veñen aquí en grupo e locen as camisetas iguais. Isto supón unha integración fabulosa coa festa.

Para o sábado está previsto que se reparta arredor dunha tonelada de percebes. Como se consigue que todo saia ben?

Con moito traballo e moita organización. Ademais, coa axuda dos veciños, sen os cales non poderíamos facer nada. Somos moitas persoas traballando nese día. Así, falamos dunhas 100 persoas repartidas nas distintas tarefas.

Que é o que máis custa sacar adiante?

Todo en xeral e ao mesmo tempo tampouco hai un traballo especifíco que custe demasiado sacar adiante. Pero si é unha organización moi complexa con moito que facer.

Din que esta é a festa máis famosa sobre o percebe en todo o mundo. Que tipo de turista regresa a Corme cada ano por estas datas?

Temos varios tipos. Desde o matrimonio que leva 20 anos vindo e comendo o percebe á carta ata xente nova que segue vindo a desfrutar da festa. Polo tanto, os asistentes á festa son moi variados.

Xabier Pombo: A Festa do Percebe serve para dar a coñecer o noso percebe pero tamén para promocionar Corme.

O Roncudo é un lugar prezado. Que calidade teñen os percebes deste ano?

Falei cos percebeiros e contáronme que teñen unha calidade moi boa este ano. Seguen a tendencia dos anos anteriores.

Pero na festa do percebe non só se degusta este produto. Por que decidistes complementar con empanada e polbo?

Máis ca nada por dar outra oferta a maiores. A Festa do Percebe non só serve para dar a coñecer este produto senón para promocionar Corme e a zona. Buscamos un complemento para que a xente coma algo máis variado.

O certo que non só é festa gastronómica senón diversión toda a tarde e noite, sobre todo para os máis novos. Como se conxugan as dúas cousas?

Eu creo que as cousas cando saen ben é cando saen de forma natural. Isto lévase facendo moitos anos e conxúgase de maneira natural. Nós fixemos a nosa parte no que se refire a degustación e a parte de diversión vai saíndo soa. Non podemos dicir a fórmula do éxito da Festa do Percebe porque nin nós mesmos sabemos cal é.

Como Asociación para a promoción do percebe do Roncudo, credes que se non fose pola festa sería menos coñecido este crustáceo?

O percebe do Roncudo é coñecido desde hai moitísimos anos, independentemente da festa. A festa foi un empuxe para dar a coñecelo pero tampouco podemos dicir que todo o valor estea vencellado á festa. Eu creo que se complementa perfectamente: un gran produto cunha boa promoción do mesmo.

Só hai que esperar a que o tempo acompañe.

Os meteorólogos din que hai pouca probabilidade de chuvia así que esperemos que non chova. Con todo, estamos tan ilusionados que aínda que chova chuzos de punta a festa vai saír igual. Ademais, temos unha carpa enorme que cubre todo o peirao de Corme.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario