Carnés sabe a callos un ano máis -FOTOREPORTAXE-

A Faguía de Carnés é a festa gastronómica por excelencia da Costa da Morte por unha razón obvia: ten máis de 400 anos de historia xa que é unha festa que data do ano 1608 cando se fundou a Confraría de San Cristovo de Carnés. A Faguía ten lugar na Cerca, recinto que se construíu entre os anos 1932 e 1933 co obxectivo de evitar que a xente allea á confraría participase na festa e na comida. A finais do século XIX e XX, coincidindo cunha época de carestía, a celebración comeza a concibirse como unha comida para os pobres. Esta concepción da festa manteríase ata os anos 70, cando se deixou de celebrar debido á recuperación económica da zona. No ano 1981, un grupo de veciños recupera a celebración e dende aquela o acto central é a degustación dos callos.

O Compás non quixo perderse unha das celebracións máis importantes da Costa da Morte polo que decidimos achegarnos ata Carnés para facer unha foto reportaxe sobre a Faghía. Bo proveito!

A faguía de Carnés está declarada como Festa de interese turístico e gastronómico en Galicia. /Foto: Alberto Pose/

 

Un gran número de veciños de Carnés axudan todos os anos tanto a preparar os callos como a repartilos entre os comensais. /Foto: Alberto Pose/

A finais do século XIX e principios do XX a festa concíbese como un xantar para pobres. /Foto: Alberto Pose/

Da festa gozan dende os máis cativos ata os maiores da casa. /Foto: Alberto Pose/

Os comensais deben mercar unha cunca de viño e un pratiño para os callos que custa 7 euros (ambos os dous de olería de Buño). A degustación de callos é gratuíta e pódese repetir varias veces. /Foto: Alberto pose/

A preparación da comida comeza uns días antes. Os membros da comisión e un grupo de veciños, todos eles voluntarios, comezan a preparar a comida no recinto onde se vai celebrar a festa. /Foto: Alberto Pose/

A Charanga Támega repetía este ano en Carnés. Moita xente animouse a bailar entre cazola e cazola de callos.

Membros da comisión de festas mostran os callos minutos antes de que xente chegada de toda a comarca empece a comelos. /Foto: Alberto Pose/

As celebracións continúan os vindeiros días con diferentes orquestras entre as que destaca París de Noia

O grupo de gaitas Trubisquiña de Vimianzo foi o encargado de poñer o son durante a degustación dos callos. /Foto: Alberto Pose/

A celebración gastronómica ten lugar unha vez acaba a misa e cando o Santo chega en procesión á Cerca da Faguía, onde se reparten os callos /foto: Alberto Pose/

Esta celebración, que ten a súa orixe no século XVII foi recuperada no ano 1981 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia. /foto: Alberto Pose/

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario