Carballeira de reencontros: Os Cempés e A Quadrilha volven a Zas

O vindeiro 4 de agosto a Carballeira de Zas volverá a encherse do mellor folk do país. Tal e como adiantaba Compás hai uns días, Os Cempés volven tras un lustro lonxe das táboas e con novo disco baixo o brazo, Tentemozo. Estarán acompañados doutros veteráns da cita soneirá, os portugueses A Quadrilha, cuxos músicos se  reúnen de novo tras unha escisión. Non faltará a representación vasca, que sempre colleita gran éxito entre o público. Nesta edición tócalle ao grupo Xarnege. Para rematar a festa con moito ritmo, chega a fusión dos galegos Ulträqäns.carballeirazas

 A festa comezará coma sempre no serán con grupos de baile e canto tradicional. Abrirán os anfitrións da A.C. Castro-Meda. A continuación será o turno das agrupacións Chorima de Rois e San Xoán de Ouces de Bergondo. Como tránsito á segunda parte do festival veñen dende A Coruña os pandereiteiros de Maghua.

A novidade deste ano vén da man do concello de Zas, que como xa fixera no vintecinco aniversario do festival, organiza unha pre-Carballeira. O venres os amantes do folk teñen a súa cita nunha carpa instalada fronte ao centro social para ir quentando motores de cara ao día grande. Actuará A Banda da Balbina.

Por outra banda, cabe resaltar que este ano non acudirán á Carballeira de Zas grupos de fóra da península ibérica, xa que supón un custo maior para a organización polas dietas e desprazamentos. A A.C. Castro-Meda recorda que a festa se financia coas ventas que se fan no recinto e a axuda da deputación e o concello. Polo tanto, roga aos asistentes que non fagan botellón e consuman nas barras para que a festa poida seguir moitos anos. Nesta edición van subir o prezo da entrada, que incluirá unha consumición para animar ao público. Dende fai uns anos, a entrada inclúe como agasallo un disco, que recolle dúas cancións de cada un grupos que enchen a carballeira de Velar.

Ven de balde co Aquí hai fraga!

O Compás, grazas á A.C. Castro Meda, dache a posibilidade de acudir gratis á cita folk máis importante da Costa da Morte. Soamente tes que participar no noso concurso “Aquí hai fraga!” Envíanos ao correo unha imaxe dun bosque autóctono da comarca e a súa localización. Nós subímola ao facebook e a que máis votos reciba levará dúas entradas para o festival xunto cun lote da Carballeira. Para máis información pincha aquí. 

Comentarios
Unha resposta a “Carballeira de reencontros: Os Cempés e A Quadrilha volven a Zas”
Trackbacks
Ver que andan a decir os outros
  1. […] Carballeira de reencontros: Os Cempés e A Quadrilha volven a Zas compasdacosta.com/blog/2012/07/13/carballeira-de-reecontros-…  por freiriño hai 2 segundos […]



Deixar un comentario