Onde o bloque é o rei

É ben sabido que aos cormoráns coma min encántannos estar preto do mar. Baixo as augas está o noso alimento e non adoitamos  vivir lonxe da costa. Así e todo, o outro día pasei por un lugar preto do esteiro do Anllóns voando baixo. Reparei no lugar de Sinde, na parroquia de Canduas, ao ver unhas construcións máis que chamativas. Alí o bloque era o rei.

Parece que aló polos anos sesenta cando os galegos volvían da emigración viñan cheos de cartos e querían demostralo ante os seus veciños remodelando as casas de pedra que herdaran do seus ancestros. Case todos optaban por darlle alto á vivenda ou facer garaxes ou ghalpóns para gardar aparellos. Destas iniciativas xurdiu unha arquitectura popular común a todo o territorio galego, que trouxo estruturas e materiais de construción alleos á casa tradicional galega.

entradadepedraconbloques

Unha fermosa portada de pedra tapiada con bloques

Na miña andanza por Sinde unha das imaxes que máis me impresionou foi esta portada de cantería tapada con bloques de formigón.  Podemos pensar que simplemente os donos querían pechar a súa finca por ese lado. Pero entón, que sentido ten abrir un portal ao carón do arco? Amigos, o meu medio é o aire, eu non podo entender este razoamento.

ghalponsinde

Ghalpón de formigón na parte traseira dunha vivenda tradicional galega

Máis adiante, quedei abraiado ao ver que nunha fermosa casa de pedra había un engadido feito con bloques. Non era a primeira vez que vía isto, pero este caso era especialmente grave, xa que a construción nin sequera estaba recebada e contaba cunha cheminea. Os donos saben aproveitar ben o ghalpón, pois tamén serve para colgar a roupa debaixo.

 

casaladrillobloquesinde

Unha perfecta combinación de ladrillo, pedra e bloque

En fin, das casas tradicionais de labranza xa queda ben pouco, agora o máis común é atopar edificios no medio das aldeas rodeados de ghalpóns de bloques para gardar deus sabe que. Así, cada vez é máis difícil para min distinguir se estou no campo ou na cidade. Agora en todas partes abunda o formigón como símbolo do progreso.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario