Sereas e Piratas, o festival de música independente que medra ano tras ano

Prognosticaban bo tempo e non se equivocaron. A praia de Razo brillou durante toda a pasada fin de semana, e non só polo tan agardado sol que ateigou os areais desta praia da capital bergantiñá ate os topes, senón porque en Razo desembarcaron un ano máis o Sereas e Piratas, festival que xa vai camiño de convertese nunha das citas ineludibles do verán para os amantes da música independente.

Mozos e non tan mozos chegados de diversos lugares xeográficos déronse cita desde primeira hora da tarde do venres na zona habilitada para a acampada, un bo lugar para xuntarse entre amigos e comezar cunha copa na man a festa que seguiría máis tarde no campo dos concertos. Os grupos encargados de inaugurar a sétima edición do festival carballés foron Lobishome, Fantasmage, Tora! Tora! Tora! e Mcom. Entre todos conseguiron facer un perfecto comezo e animar ó público para a chegada de Joe Crepúsculo, o cabeza de cartel dese día.

Joe Crepúsculo no Sereas e Piratas 2012.

Nada máis subirse ó escenario o  cantautor catalán amosouse encantado de tocar en Galicia e na Costa da Morte e fixo saltar aos presentes con algunhas das súas letras máis coñecidas como Ritmo mágico ou La canción de tu vida. Xa o sábado, sobre o mesmo escenario e ante unha maior afluencia de público, os concertos máis agardados eran os de Triángulo de Amor Bizarro e Pony Bravo. Estes últimos fixeron vibrar a Razo co seu directo, que non deixou indiferente nin ao máis rezagado.

O Sereas 2012 medrou en días, infraestrutura, actividades paralelas e, aínda que poida non o fixo en xente interesada pola oferta musical do propio festival, o certo é que cada vez son máis os que se achegan Razo para desfrutar do ambiente festivo que o rodea. Así, houbo unha novidade a diferenza de anos anteriores que tivo un gran éxito: a terraza chill out -ao máis puro estilo ibicenco- con acceso gratuíto ubicada xusto ó outro lado do escenario indie, onde tamén houbo música en directo coa actuación dos tres conxuntos gañadores do Concurso online de Maquetas e dos carballeses Tínperis o sábado á tardiña. Ademais, á noite foi unha alternativa para os que querían seguir de festa tralo festival e, por suposto, para aqueles que preferían bailar ao ritmo de éxitos pinchados por dj’s. Ata a mañá do domingo os corpos movéronse ao ritmo de Placebo, MGMT, Two Door Cinema ou El columpio asesino, entre outros moitos temas.

Os carballeses Tínperis tocaron o sábado á tarde na terraza gratuíta.

En definitiva, foron dúas xornadas de festa e praia que demostraron que o Sereas e Piratas é un festival que merece seguir no tempo polo moito empeño que os seus organizadores poñen ano tras ano –e máis nos tempos que corren- e polo enorme interese que suscita o marabilloso espazo natural que o rodea.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario