O significado do Val de Traba

A lagoa de Traba dende a Torre da Moa. /Foto: Manuel Rial/

Tapado entre Penedos e unido o Val de Vimianzo por un estreito desfiladeiro, o Val de  Traba esténdese espectacularmente chan á beira do Atlántico como unha táboa cuadriculada polas pistas da concentración parcelaria. Irrompe como un cristalino ollo a lagoa de Traba no medio destas cuadrículas, detrás do complexo dunar que a protexe da bravura das augas do Océano. Conta a lenda que no fondo da lagoa está afundida a cidade de Valverde (que xa nos fala da fertilidade destas terras co seu nome) por desobedecer as ensinanzas do Apóstolo Santiago. Como compensación logo construíronlle unha fermosa igrexa, a que dá nome á parroquia de Santiago de Traba.

Mulleres sementando na fértil Agra de Traba. /Foto: MRial/

O topónimo de Traba vén, sen lugar a dúbidas, da palabra latina “tabula” que significa táboa e indica o chan que é o terreo.  O experto en toponimia, Fernando Cabeza Quiles, fala incluso da posibilidade de que o chan non sexa o terreo e que o topónimo Traba se refira á propia lagoa “completamente chan e horizontal sen desniveis nin correntes de auga”. E pón un exemplo: as Tablas de Daimiel, en Ciudad Real.

Pombal da Cabanela con vistas ó val. /Foto: MRial/

Na lagoa desembocan todos os regos que nutren as diferentes terras de cultivo do val, famosas sobre todo polo cultivo da cebola. Hai varios topónimos que fan referencia á agricultura, como A Cabanela, que se refire ás pequenas estruturas de palla e madeira utilizadas para gardar os utensilios de labranza. O que sería un ghalpón hoxe en día. Outro é Agravil, que non se refire precisamente á fertilidade do val, senón todo o contrario. Vén dunha palabra latina composta por “agru” (agro) e “vile” (vil, malo), que indica o pouco valor da terra neste lugar.

A gran cantidade de cursos de auga propicia a creación de topónimos e de muíños, coma este do Carballal. /Foto: MRial/

Preto deste último están O Carballal e Reboredo. Os dous significan, basicamente, “carballeira”. O primeiro está claro, o segundo vén dunha forma latina menos evolucionada: Roburetum (do “Quercus Robur” ou carballo) e o sufixo edo que signifca “ lugar onde“. Tamén hai outro lugar que nos fala da abundancia dun tipo de vexetación: Matío, onde hai mato ou matogueira. No medio destes está Campodorreiro, que vén dunha forma anterior “Campo do Rieiro” é dicir que está bañado por varios ríos ou regos, que logo conflúen no río de Traba.

O Boaño e A Pedreira. /Foto: MRial/

Un pouco cara o norte están Tella e Cuíña. O primeiro vén do latín tegula, e indica que nesa terra abunda o barro, e Cuíña vén da raíz “cun-” que significa rocha; é dicir unha aldea sobre a rocha. Outro lugar con abundancia de pedra é A Pedreira. E en Boaño, non debe faltar a auga, xa que vén da raíz prerromana “bod-” (auga).

Entre os núcleos deste outeiro figura o clarificador “A Costa” /Foto: MRial/

O Canle e A Costa son topónimos que falan por si mesmos; un do latín “canale” sobre a existencia dunha canle de auga, e o outro fala da importante inclinación do terreo sobre o que se asenta a aldea. Algo menos claro queda o topónimo Campo dos Bois, ó carón da Costa. A simple vista pode parecer que fala dun campo onde tradicionalmente pastaban bois, pero tamén pode ser que se refira a unha raíz pre-latina “boi-” que significa pedra, polo que indicaría un terreo rochoso. Máis abaixo están As Melgueiras, onde as abellas xuntaron tantas colmeas produtoras de mel que ata deron o nome ó lugar. “Melle” e “-eira” forman este topónimo.

Á esquerda, O Castro. No centro Mórdomo e, ó lonxe, Camelle. /Foto:MRial/

Ó oeste do val temos tres topónimos históricos. Mórdomo pode referirse a un mordomo ou responsable dun señor na época feudal.  A RAG define mordomo como “Xefe e membro principal da servidume dunha casa, que se encarga da administración ou do goberno económico desta e da súa facenda.” Lembremos a importancia histórica das liñaxes fidalgas e nobres destas terras, sen ir máis lonxe a propia familia dos Traba. Pegado a esta aldea temos O Castro, onde moraban os vellos habitantes deste val, que non eran os de Valverde. E preto está Socasas, que literalmente significa “debaixo das casas”. Xosé Vidal aventura a posibilidade de que estas casas ás que se refire sexan as do propio castro veciño. No mapa vese perfectamente a extensión da fortificación.

Visualizar o mapa ampliado

Por último achegámonos á propia praia de Traba para coñecer dous topónimos da costa. A Punta Corveiro, ó oeste, fala da abundancia de “corvus corax“, ou corvos. Pode referirse ós corvos terrestres, pero tamén ós mariños ou cormoráns. Outro é O Paio, que non ten que ver con ningún home chamado así. “Pelagiu” é a súa orixe e quere dicir que está próximo ó mar.

Areal de Traba dende O Paio. /Foto: MRial/

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario