“O patrimonio debe ser un negocio para todos pero de xeito transparente” Manuel Gago

No serán do venres asistimos á presentación de Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI na libraría pontecesana A tenda dos libros. A obra de Xurxo Ayán (Lugo, 1976) e Manuel Gago (Ribeira, 1976) recolle “as súas experiencias coa xente do país no eido da arqueoloxía e a comunicación ao longo de quince anos”.

Dende a súa saída do prelo, os autores xa fixeron presentacións en varias localidades galegas co obxectivo de achegarse aos lectores potenciais. A priori un ensaio en galego sobre o patrimonio cultural non semella atractivo para o gran público. Porén, xa esgotaron as dúas primeiras tiradas de 2.0 Editora. A maior parte das críticas inciden en que Herdeiros pola forza é un libro ameno e sinxelo, que reflexiona con humor sobre a contraditoria relación dos galegos co patrimonio.

presentacionherdeiros

Manuel Gago, Xurxo Ayán e Antón Lado n´A tenda dos libros /Foto: B.Romero/

O encargado de abrir o acto en A tenda dos libros foi o editor da obra, Antón Lado, asegurando que os autores sabían defenderse moi ben nas presentacións. Non se enganaba. O primeiro en tomar a palabra foi Manuel Gago, que estaba na libraría por segunda vez. O xornalista quixo deixar claro en primeiro lugar que se trata dun “libelo moi subxectivo”, ao estar a xénese na suma das súas experiencias. Falando de como decidiron editar Herdeiros, Gago lembrou que tivo dúbidas xa que o mundo no que se sinte máis cómodo é o dixital. Neste senso, asegurou que ten a sensación de que “o impreso xa está desactualizado, pero aínda así segue xerando debate”.

 “O que predicamos no libro, levámolo a cabo en Torre dos Mouros”

O autor ribeirense rematou falando dun proxecto ligado con Herdeiros pola forza: “O que predicamos no libro, levámolo a cabo en Torre dos Mouros“. Con este nome coñécese a fortificación que están a excavar un grupo de voluntarios no monte de Lira (Carnota) que podería ser un castro. Para Gago, na xestión do patrimonio “a transparencia é fundamental, por iso traballamos a comunicación en tempo real”. Toda a información sobre as súas intervencións na zona está dispoñible no portal torredosmoures.nete nos perfís nas redes sociais.

“Os castros serven para crear oportunidades de riqueza para a poboación”

O exemplo de Torre dos Mouros serviulle para afirmar que “Os castros serven para crear oportunidades de riqueza para a poboación”. No bando oposto fixo referencia ao caso do castro de Castrelo en Laxe. A construción dun novo trazado da estrada descubriu o xacemento, do que non se informou á comunidade local en ningún momento. “A xente só sabe que a estrada non se dá rematado”. Desta maneira, Gago volveu facer fincapé na importancia da comunicación ao defender que “o patrimonio debe ser un negocio para todos pero de xeito transparente”.

herdeirospolaforza

Herdeiros pola forza entre as novidades da libraría /Foto: B.Romero/

“Dombate non sei se estaba mellor en 1985 ou agora”

Por outra banda, Xurxo Ayán arrincou os sorrisos dos asistentes nada máis comezar a súa intervención ao lembrar que mexou en Dombate na súa primeira visita. Desta maneira quixo lembrar un capítulo de Herdeiros pola forza titulado Dombáter. Nel o arqueológo non se amosa moi convencido de que a intervención no megalito bergantiñán sexa a máis axeitada para divulgar a súa importancia e vinculalo coa contorna.

A continuación, Ayán repasou a importancia dos cregos e militares na xestión do patrimonio ao longo da historia. Segundo el, esta é a causa que estea tan alonxada da sociedade civil. Para rematar, o arqueólogo relatou ao público a apaixoante historia do castro de Perlío ou das Pías. O xacemento foi destruído por unha ampliación das instalacións de Astano e un grupo de rapaces apoiados polo seu mestre foron quen de salvar algunhas pezas. Sinalou que o feito de que a ponte continúe chamándose “das Pías” demostra que o patrimonio foi un referente para a xente de Ferrolterra a pesar da súa desaparición. Recorrendo á metáfora Ayán desexa que Herdeiros pola forza sirva para “inzar pías no país que loiten contra a ignorancia”.

presentacionherdeiros2

O público participou no debate ao final da presentación /Foto: B.Romero/

A importancia dos servizos vinculados ao patrimonio

Trala presentación, Antón Lado animou aos asistentes a facer preguntas para abrir un debate. A partir dese momento estableceuse un diálogo fluído que xirou, sobre todo, entorno ao aproveitamento do patrimonio como atractivo turístico. Ángel Eiroa “Lito”, historiador que traballou como guía do dolmen de Dombate, preguntoulle a Gago e Ayán se consideraban que se debía cobrar polo acceso aos monumentos. Ambos apostan por un modelo mixto, onde o beneficio se obteña sobre todo nos servizos vinculados ao patrimonio, como por exemplo a presenza dun guía que sirva de intérprete na visita. Por outra banda, a maioría dos que interviron coincidiron en sinalar que hai moitos lugares de gran interese na Costa da Morte descoñecidos pola maioría da poboación. Achacan isto ao escurantismo das administracións e a Igrexa, que “tratan á xente de parva”.

Achegar o pasado á cidadanía

Herdeiros pola forza revisa a conflitiva relación entre sociedade, poder e patrimonio en Galicia. A través de exemplos descubrimos unha xestión do patrimonio feita dende arriba, pola administración e as elites culturais, sen explicar aos cidadáns o valor dos achados. Así, son moitos os que pensan que o noso legado é un obstáculo para o progreso. Dende esta obra faise un alegato para que a sociedade participe na conservación do patrimonio e sexa quen de ver o beneficio económico e social de conectar co seu pasado.

Os autores: ciencia e comunicación

Xurxo Ayán é arqueólogo. Traballa no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Santiago. Edita o blog Arqueoneixon e colabora co portal Lg3 do Consello da Cultura Galega, o Xornal Certo e mailo Galicia Confidencial. Actualmente está implicado no proxecto de arqueoloxía e divulgación Torre dos Mouros en Lira (Carnota).

Manuel Gago é xornalista. Traballa como profesor de ciberxornalismo na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago e director do portal culturagalega.org, que pertence ao Consello da Cultura Galega. Escribe dende hai anos o blog Capítulo 0, onde fala dos seus descubrimentos diarios e das súas paixóns: arqueoloxía e cociña. Ademais puxo en marcha outros proxectos na rede como Patrimonio Galego.net ou The Wine Codex. Ao igual que Ayán, forma parte do equipo que desenvolve Torre dos Mouros.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario