“Hai xente que só vai aos nosos concertos polo Sara, Sariña”, Óscar Fernández de Os Cempés

Óscar Fernández é un dos fundadores do grupo. /Foto: cedida/

O mítico grupo de folk galego Os Cempés volverá subirse esta noite ao escenario da Carballeira de Zas, un festival do que afirman gardar “un especial cariño” e ao que regresan cunha renovada formación e cun recente proxecto musical. Compás da Costa falou con Óscar Fernández, un dos seus seis compoñentes.

Logo dun parón de catro anos, os Cempés volveron ós escenarios no 2011. Cal é o segredo deste rexurdir?

As circunstancias persoais dos compoñentes daban pé a retomar o proxecto, un repertorio interesante para incorporar a un novo disco e o máis importante: démonos conta de que se nos botaba de menos. En 2011 a xente da Asociación Anchoa de Fisterra insistiu tanto en que foramos tocar alí no festival da fin do camiño que decidimos comezar de novo. Tamén descubrimos unha páxina no Facebook na que o público reclamaba a nosa volta…En realidade, nos tamén nos botabamos de menos a nós mesmos.

Foi unha maneira de refundar de novo a banda?

Si, é a enésima vez que o facemos, en 20 anos a banda tivo coa actual cinco formacións diferentes.  Esta vez nunha mañá conseguimos convencer aos tres novos músicos que se incorporaron: Fernando Barroso co bouzouqui, Pablo Dalama cos saxos e Ramón Dopico nas percusións.  É moi motivador renovar a banda de vez en cando.

Tentemozo é o voso último traballo. De que cabeza sae o nome?

Dos mozos e mozas da Escola Livre da Musica Popular Galega que anteriormente citei, uns 25 alumnos do que antes era o Conservatorio Folque de Lalín. Son a principal colaboración neste disco. Queriamos que saíran no titulo do disco e ao final Pablo Xiraldez -o diseñador da carpeta- atopou a palabra que quere dicir “Puntal, apoio para que algo non caia”. Era perfecto e facía tamén alusión ao xeito de financiar a gravación: máis de 700 mecenas axudaron a facelo con pequenas aportacións económicas.

Hai un maior predominio de pezas cantadas fronte a instrumentais. Cal é a razón?

Vai a un 50% aproximadamente, cadrou así. Neste disco hai moitos temas pensados para dar conta de voces colaboradoras como a de Begoña Lorenzo e Uxía Muíño. Por outra parte, a Escola Livre de Música Popular Galega ten un protagonismo importante, e é nas pezas cantadas onde se poden escoitar.

Neste álbum, como nos catro anteriores, apostades polas composicións propias sen deixar de lado a tradición. Hai un certo empeño por manter as intencións coas que fostes medrando?

A Música de Os Cempés é un 60% reelaboración de música tradicional e un 40% composición en base a esa música. Si, é un equilibrio que nunca deixamos de manter.

Teño entendido que os Cempés comeza sendo un trío que sempre se acababa convertendo nun quinteto ou sexteto, xa que en tódolos bares e festas nos que tocabades se xuntaban ó redor máis músicos…

Non se explican estes 20 anos de música sen as festas que temos feito en bares, tabernas, etc. O Inverno é longo en Galicia e se despois do verán queres seguir coa festa con certa regularidade os bares son unha opción, cada vez menos económica, por certo. Somos da xeración que se sociabilizaba tomando unha cervexa (ou dúas se son pequenas). Tampouco é tan raro, a maioría dos músicos coñécense uns a outros tomando algo nun bar…

Froito deses encontros, comentaches nalgunha outra ocasión que a banda ten unha proximidade moi especial co público. É nos escenarios pequenos onde se concentra a maior parte dos vosos seguidores?

Por lóxica os escenarios pequenos concentran nun espazo pequeno a máis seguidores, pero en festivais máis grandes tamén nos encanta tocar. A comunicación co público, (sen chegar a agobialo) é parte do nosa posta en escena.

A Carballeira é moi especial para nós. Sempre esperas que te volvan chamar

Tocar nunha festa folk coma o de Zas, na que se agarda unha gran afluencia de público, é un reto para vós?

Creo que é  a 3ª vez que tocamos en Zas, un festival moi especial e ao que lle temos moito cariño. Ademais, valoramos moito a decisión de implicar a todo o público para que pague unha entrada para acceder aos concertos. Pero non é o primeiro festival de grán formato onde tocamos. Ortigueira, Pardiñas, Antros Pinos, Revenidas, Intercéltico de Moaña e grandes festivais en Europa e España xa foron visitados polo grupo.

Xa non sodes primeirizos na Carballeira. Esperabades que vos volveran chamar?

É unha ilusión que tes desde a última vez que tocas en Zas. Si, en certa maneira esperabamos que nos chamaran. ¡¡¡Sempre estás a esperar que te chamen!!!

Ti mesmo aseguras no evento da Festa da Carballeira do Facebook que o sábado soará de novo o Sara Sariña, entre outros temas. Ten algo de especial esta canción?

Ten, realmente hai xente que só vai aos nosos concertos por ese tema, iso é bo. Todo grupo que se precie ten un ou varios “hits”, pero hai que tocar e manter o interés durante unha hora máis de concerto. Non é coña!

Panorama actual

A crise afasta cada vez máis o desexo de vivir do que dá a música. Como sobrevive un grupo folk galego a estes tempos?

Tes que ter ilusión, ideas e adaptarte aos tempos.  Só esperamos que neste tempo de saqueo brutal (eu non lle chamo crise), sirva para darnos conta de que non podemos esperar a que nos amañen tódolos problemas desde as institucións. A independencia, a autoxestión e a autofinanciación é algo que xa coñeciamos todos os músicos, pero agora hai que practicalo máis ca nunca, e os promotores de concertos tamén. A Festa da Carballeira de Zas dá unha gran lección nese sentido.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario