#prazadoslibros – Rosalía Fdez. Rial

Feiras, festas máis mercados! Xoldas incombustibles e esmorga sen tregua. O verán deste recuncho atlántico coñece a diversión en todos os seus formatos; gastronómico, familiar, trasnoitador ou comercial. Ningún acontecemento carece de celebración e, de non existir suceso extraordinario, inventamos escusas para pasalo ben. Actitude, a referida, que considero encomiable, pois queda moito inverno por roer e xamais o tedio foi amigo do bo vivir. Tempo haberá de encarcerarse en oficinas, casas e escolas. Pronto regresaremos á realidade do paro e, no mellor dos casos, ao castigo dun traballo precario ou á escravitude do estudo sen futuro. Estudos sen futuro, bibliotecas e academias, eis as prisións dunha cultura encadeada ao frío do inverno; antónimos da troula estival. Porque saber é sufrir e ler, un sacrificio desmesurado. Ou iso é o que poderían pensar aqueles que nunca se achegaron á #prazadoslibros.

Para os que asistimos á feira literaria de Carballo, o “CONTO” xa non é así. Nós mofamos o oxímoro, disparamos textos á rúa e participamos dunha enchente intelectual. Aprendemos que a literatura medra tamén ao aire libre; entre patacas de Bergantiños e berros infantís. Descubrimos que, cunha copa na man, fálase mellor de poesía; que aos nenos aínda lles gusta escoitar historias e que as persoas precisamos compartir a formación adquirida. En definitiva, comprobamos que, só combinando letras, se pode armar unha foliada digna da nosa estación máis feliz.

Este ano, o prologuista de tan excelso festexo foi Cabeza Quiles, quen, acostumado a argallar orixes etimolóxicas, inaugurou a cerimonia con irreverente solemnidade, cal sapiente Cicerón. O detonante das súas verbas abriu unha fervenza de parolas en forma de fábulas, poemas e diálogos teatrais. Así, decenas de cativos soñaron cos relatos dun Anxo Moure en constante movemento e escoitaron, desde O Principio, a maxia retórica de Paula Carballeira. Ata somerxerse no Acuario mariño de María Canosa e desembarcar entre os trucos dramáticos da compañía Glub Glub. Glub, glub… Tranquilidade infinita sobre Arrolos de salitre, como se Xabier Díaz e a guitarra de Guillerme F. erixiran unha praia de música no Xardín municipal. O Xardín Municipal, que, máis tarde, foi conquistado pola voz de Neira Vilas e a súa coraxe de neno labrego; así como polas Rapazas de Xan que Iglesias Turnes coreou.

No balbordo da feira, tamén quixeron estar presentes os produtos locais; tres novos títulos frescos e vizosos, de colleita bergantiñá; o Primavera de navallas (Quequeres Ed.)  que Xurxo Chapela cultivou con suma mestría, un Solpor en Waterloo (Quequeres Ed.) entre acordes dos Kinks e o Vinte en escena (Ed. Positivas) dunha servidora. Xunto a eles, volveu agromar o colectivo Follas de Carballo (A. C. Lumieira), nunha mañá de domingo que mesturou metáforas con pan, ilustrando o famoso verso de Celaya (“poesía necesaria / como el pan de cada día”). E, “cargada de futuro” rematou a ruada literaria; na presentación de Engurras valoramos, con arroubo xuvenil, a experiencia dos maiores, o cal foi traducido á lírica por Aid. Se Rosalía de Castro e Manuel Antonio se poden rapear, é que o galego ten aínda moito flow. Ou quizais os festivais literarios non comprendan de lindes nin idades. Se cadra, a música da palabra escrita soa sempre igual, co alento perenne dos libros e a eternidade da fantasía. Independentemente da estación climática e a pesar da realidade.

CODA

Desde logo, o parágrafo anterior sería un bo final para este artigo. Directo, con potencia expresiva e eficaz á hora de recapitular a idea principal do texto. Estilística e funcionalmente quedaría moi ben, pero non faría xustiza ao que foi a #prazadoslibros. Quen quede antes da coda, pode pensar que os actos citados foron organizados polos seus protagonistas. E iso non é verdade. Certas persoas permaneceron no Xardín municipal moitas máis horas que os que subimos ao escenario. Algúns mesmo traballaron a xornada completa; con predisposición impecable e garantindo que todo saíra ben. Algúns como Porteiro, técnico de son; os numerosos asistentes ás actividades; certos membros do concello de Carballo; xornalistas de medios diversos e, sobre todo, Nel Vidal, normalizador lingüístico. Sen eles, non habería veráns literarios.

Rosalía Fernández Rial 

A súa vida transcorre entre Carballo e Muxía dende que naceu en 1988. Licenciada en filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela emprega a súa arma en crear literatura, sobre todo poesía, como nos seus dous libros En clave de sol (2009) e Átonos (2011). Ademais conta cun traballo conxunto con Xan Fernández Carrera,Un mar de sensacións (2012), no que desenvolve unha serie de rutas poéticas para gozar da súa terra, a Costa da Morte.

Noticia relacionada: Bo resultado na Praza dos libros para a literatura galega

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario