Os pecados que se están a esvaecer en San Xulián de Moraime

Por Laura Lor

As pinturas murais de San Xulián de Moraime representan os sete pecados capitais e a morte como un ciclo articulado ó longo do muro norte desta igrexa románica do século XII –hoxe parroquial, na Idade Media a dun importante mosteiro-. Estas representacións teñen un interese fundamental como patrimonio histórico-artístico e como testemuña cultural, pois son un exemplo único que recolle tradicións, sobre todo literarias (aínda que non só desta índole), das Idades Antiga e Medieval. Son, ademais, unha reflexión sobre a condición humana que aínda nos pode ensinar moito sobre nós mesmos e é fundamental que o siga facendo para as xeracións futuras, se é que aínda se pode reparar o lamentable e progresivo proceso de degradación que sofren.

A avaricia nos anos 70 (á esquerda). Estado da ira e da luxuria en 2009. /Foto:Javier Toba/

En 1972 a raíz das excavacións realizadas por Chamoso Lamas, a igrexa, o conxunto arqueolóxico, histórico-artístico e paisaxístico de Moraime, foi declarado Monumento Nacional.

O estilo destas pinturas murais é gótico hispano-flamenco e foron datadas entre finais do século XV (García Iglesias) e o primeiro cuarto do XVI (Cabada e Moralejo). Son todo un programa iconográfico dos chamados pecados mortais na época (por iso é polo que se asocian coa morte), no que se contrastan os vicios, instigados por demos, coas virtudes ou “remedia”. Os seus antecedentes poden verse no conflito moral inaugurado no século V pola Psicomaquia (loita de vicios e virtudes) de Prudencio que á súa vez é de orixe oriental -persa, concretamente (a viaxe da alma ou percorrido do espírito por sete planetas)-. Este programa foi collendo forma debido á confesión, practicada primeiro polos monxes irlandeses e obrigatoria polo menos unha vez ó ano segundo decreto do Concilio Laterano de 1215. Presentan un carácter didáctico-teatral para aleccionar a clero e feligreses iletrados.

A soberbia. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Soberbia confróntase á Virxe da Humildade, sentada no chan, posto que, segundo a súa etimoloxía, humildade deriva de “humus” (chan ou solo) Está representada por un cabaleiro vestido con armadura, enarborando a súa arma, coas pernas cruzadas en actitude de autoridade e cos brazos en xerras. Amosa un equilibrio inestable que lembra a representación románica deste pecado: o señor feudal caendo do seu cabalo.

A avaricia. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Avaricia contraposta a “a larguitas” (largueza ou xenerosidade), tamén recolle a tradición románica en canto a que se presenta co pescozo rodeado por unha cadea recordando a soga coa que se aforca Xudas. É a escena onde mellor se pode ver a influencia flamenca posto que, por unha banda, se sitúa nun interior cun intento de representar a perspectiva e, pola outra, tenta facer un estudo psicolóxíco das figuras: expresando a desesperación e angustia do vicio de quen nunca ten abondo con nada, ou a cabeza inclinada da virtude, dando a entender que a caridade debe practicarse con discreción.

A ira. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Ira crávase puñais a si mesma, coma na alegoría da ira da Psicomaquia de Prudencio, axudada polo seu demo. É o máis patolóxico dos pecados: o que vai contra un mesmo. No manto aparecen lapas de lume, o que lembra a tradición grega de asimilar caracteres
humanos con elementos da natureza; así, ó carácter colérico correspondía o elemento lume. Os seus ollos “derramados” (Juan de Mena) ou desorbitados, máis unha segunda cabeciña do seu demo que ataca de xeito provocador á virtude que se lle opón chorando e rezando, son, tamén, expresión do vicio que se considera enfermidade ou ata endiañamento. Brueghel represéntao como un home-coitelo.

A luxuria. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Luxuria sedutora, vaidosa, provocativa e vestida de vermello. Represéntase aquí, con carácter teatral e os atributos de Venus (peite e espello), a unha figura que recorda á gran rameira do Apocalipse que monta a besta (neste caso un porco, aludindo, como os
demos que saen por detrás da columna, á falsa aparencia). Os sete pecados represéntanse cabalgantes en Castrelo do Miño e en Argentières, debido á obra do século XIV de orixe austríaca “Etymachia”.

A gula. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Gula está en estreita relación coa luxuria (Arcipreste de Talavera), pero a diferenza do carácter enganoso da escena anterior, neste vicio represéntase a unha muller no momento de beber e co saio aberto. O seu aspecto de abandono, reflicte unha invitación práctica á luxuria cunha obviedade que non tiña a alegoría anterior. Sentada (como a representación deste pecado na táboa do Bosco) e co ventre inchado (Brueghel represéntao como un home que transporta ó seu bandullo nunha carretilla), mostra detalles abondos para recoñecer a súa conduta desordenada, sinal de gula. Á altura das súas pernas aparecen dous leitóns, un asado no espeto e o outro vivo e co fuciño aberto, como querendo morder á figura.

A envexa. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Envexa por unha incorrecta etimoloxía de “Invidere” tomada por invidencia, en lugar de por “mirar contra” ou “mirar de esguello”, esta representación, como outras na época, cobre a súa mirada coas mans (Dante describe aos envexosos cos ollos cosidos). Ó seu carón, atópase unha figura simiesca ou demo-murmuratio, por ser pecado asociado á maledicencia. A cor óxida da pintura da súa vestimenta, hoxe case perdida, mostra o seu carácter de vicio corrosivo. Para G. Chaucer era “o veleno do diaño”. Un animal pezoñento atado cunha corda sostida pola virtude á que se opón, contribúe a expresar estas características.

A preguiza. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Preguiza representada no obradoiro de, talvez, un carpinteiro de ribeira polo instrumento que teatralmente enarbora a virtude, amosa ó artesán que queda durmido na súa mesa de traballo e que por neglixencia perde as súas extremidades co lume que utiliza para quentar as colas. Existe unha localización corporal de cada pecado (aquí, man e pernas). Contrariamente ó carácter de servidume de séculos anteriores, apréciase unha nova concepción positiva do traballo nos últimos séculos da Baixa Idade Media.

A morte. (Estado actual e reconstrución hipotética) /Foto: Alicia P.Suárez Ferrín/

A Morte preséntase como cadáver activo malia o seu avanzado estado de descomposición. Ten o ventre aberto, os membros consumidos, as concas oculares baleiras e sen pálpebras, e a boca tamén aberta, sen beizos, debuxando coa súa dentadura un cruel sorriso. Móvese en terreo abstracto, sen paisaxe ou motivo decorativo algún que permita ao pávido espectador relaxar a súa atención… Apunta cara ás personificacións dos sete Vicios, pero a ameaza esténdese non sobre unha en concreto senón sobre todas elas. Se se toma en consideración a impresión causada polas doce saetas que emanan de forma radial da súa figura, poderíase pensar na idea do Tempo, pois “doce é o número das división espazo-temporais”, pero quizais tamén nunha contaminación cos radios da Roda da Fortuna, subliñando así a idea de que todo está suxeito ó cambio, que nada se pode calcular, e menos algo tan fortuito como o ataque da Parca. En torno ó cráneo, seis delas parecen conformar unha especie de contra-nimbo. Na súa cadeira apóiase unha pala de enterrador e, ós seus pés, diversos obxectos aluden á Vanitas, ó inútil arraigamento nas glorias e riquezas mundanas: tres coroas de ouro, unha espora, etc. Dous pares de tesoiras, unhas abertas e outras pechadas, recordan a definición da Morte como“cortadora do fío da vida”…, mentres que unha balanza testemuña a psicostasia (pesado das almas) que terá lugar post mortem (Alicia P. Suárez-Ferrín. Ab Aquilone Mors).

Interior da igrexa de Moraime. /Foto: Roi Vila/

Aínda que todas as virtudes son figuras femininas representadas con hábito branco, disciplinas e paternóster (precedente do rosario) amosando o carácter penitencial do remedio a estes vicios, é significativo que a maioría dos pecados –os instigados por demos- estean representados por mulleres, agás os que teñen relación co traballo e o poder (preguiza e soberbia). Isto pode ser un reflexo da literatura misóxina da época.

No muro Oeste quedan restos dunha representación illada que segundo Cabada Giadás pode ser do Papa Eneas Silvio Piccolomini, Pío II (1458-1464).

NOTA

Este é un traballo que se fixo de maneira voluntaria para que o Concello de Muxía solicitase a diferentes organismos “competentes” da Administración a restauración destas pinturas no ano 2009 (sen que polo de agora -setembro 2012- houbese unha resolución favorable).

 

Laura Lor

Muxiá licenciada en Xeografía e Historia, especializada na Arte Antiga e Medieval.

Comentarios
2 Respostas a “Os pecados que se están a esvaecer en San Xulián de Moraime”
  1. compasdacosta di:

    Estas pinturas foron estudadas en todo ou en parte, entre outros, por:

    Suárez-Ferrín, Alicia P.
    -“‘Ab Aquilone Mors’. Sobre a orientación simbólica das imaxes góticas da
    Morte Triunfante no interior das igrexas galegas”. En: Anuario Brigantino, nº
    26,2003,pp.339-372. http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2003PDF/2003%20339_372Alicia.pdf
    -“A iconografía medieval nos murales galegos dos séculos XIV, XV e XVI.”
    http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2005PDF/2005%20301-350%20Pablo%20Bouza%20e%20Alicia%20PSF.pdf
    Cabada Giadás , Cristina.
    – Memoria e imaxes morais: ou ciclo mural de San Xulián de Moraime. En: Congreso
    Internacional de Cultura Galega (1º. 1990. Santiago de Compostela)
    -Estudo iconográfico dás pinturas murais de San Xulián de Moraime : tese de
    licenciatura dirixida por Serafín Moralejo, 1991 (sen publicar)
    (foi nesta tesiña na que, sobre todo, baseeime para realizar este traballo)
    García Igrexas, José M.
    – A pintura en Galicia durante a Idade Moderna: o século XVI, Santiago de Compostela,
    Ed. Universidade, 1979.
    -“O Xuízo Final na pintura galega gótica e renacentista”, Compostellanum, vol.
    XXVI, núms. 1-4, 1981, pp. 135-172.
    -“A Idade Media”, en Historia da Arte Galega, Madrid, Ed. Alhambra, 1982, pp. 71-
    -Voz “Pintura”, en Gran Enciclopedia Galega, Santiago de Compostela, Ed. Silverio Cañada, s. a.,vol. 25, pp. 1-34.
    -“Consideracións sobre a idea da Morte na pintura de Galicia no século XVI”,
    Cadernos de Estudos Galegos, t. XXXV, 100, 1984-85, pp. 397-417.
    -“Sobre os modos de ordenación nos programas pictóricos galegos do século XVI”,
    en Actas do III Coloquio Galaico-Minhoto (Santiago de Compostela, 1984), Santiago
    de Compostela, Ed. Xunta de Galicia, 1985, vol. II, pp. 45-65.
    -Pinturas murais de Galicia, Santiago de Compostela, Ed. Xunta de Galicia, 1989.
    -“A pintura”, en Galicia na época do Renacimiento, Galicia-Arte, t. XII, A Coruña,
    Ed. Hércules, 1993, pp. 407-509.
    Chamoso Lamas, Manuel
    -“Arte”, en Galicia, Madrid-Barcelona, Eds. Juan March – Noguer, 1976
    -Pintura Mural, Vigo, Ed. Castrelos, 1965
    -Pintura mural. En: Cadernos de Arte Galega n. 16 , Vigo 1965

  2. Armando García di:

    Excelente trabajo! Enhorabuena .

Deixar un comentario