“A fotografía é a mellor escusa para visitar paraxes descoñecidas.” Xoán Carballo

Leva só catro anos traballando cunha cámara profesional e non pasou por ningunha grande academia, pero as súas imaxes sorprenden. Xoán Carballo, de Pasarela, pero nado en Zürich no 1975, expón actualmente na súa casa, na Sala Antón Mouzo de Vimianzo. Ata o 30 de setembro podemos gozar de “Todo á man, preto de ti”, unha selección de fotografías da Costa da Morte que reivindica a beleza do inadvertido, do próximo que non paramos a mirar. A súa imaxe favorita “Mencer en Baíñas” é o vivo exemplo do que significa esta exposición.

Xoán Carballo nos cantís da Costa da Morte.

Con cantos anos colliches a túa primeira cámara na man?

Entendo que me preguntas por unha cámara algo máis avanzada, porque compactas analóxicas e dixitais sempre houbo algunha pola casa. Foi no ano 2008, daquela tiña unha compacta dixital Kodak e chegou un momento no que esta me limitaba para configurala como eu quería. Entón foi cando merquei a miña primeira réflex, unha Canon Eos 400D. Foi un cambio moi grande con respecto á outra cámara que tiña.

Baliza do Lago, coas luces de Muxía á esquerda e Camariñas á dereita. /Foto: Xoán Carballo/

Como conseguiches formarte?

Aínda estou aprendendo, e o que me queda… A miña forma de aprendizaxe foi sobre todo polo método de “proba e erro”. En Internet hai moitos sitios onde aprender, a teoría, métodos de traballo, ler moitos libros,  pero onde aprendín verdadeiramente foi cando empecei a asistir a encontros fotográficos con xente á que coma min lle gusta a fotografía (Phosgalicia, Tecendo Redes,…), e que non lle importa compartir todo o que saben sobre este tema. Ó final deime conta que o que realmente importa para conseguir unha boa foto é a composición e a luz e en segundo plano e, non menos importante, é a técnica.

“A fotografía foi a mellor escusa para coñecer todas estas paraxes”

“Todo á man, preto de ti”. O título da exposición é moi significativo, cal é a súa intención?

A miña intención con esta exposición é dar a coñecer e valorar un pouco máis o que temos ó noso arredor, lugares de gran beleza que están a un paso e que nunca os vimos. E é o que me pasou a min, turistas que me preguntaban por sitios que eu descoñecía e que estaban moi preto de min. Por iso coa fotografía foi a mellor escusa para coñecer todas estas paraxes, e mostralas así dende o meu punto de vista cara ó mundo.

“Mencer en Baíñas” é a súa imaxe favorita./Foto: Xoán Carballo/

Cal foi o criterio de selección destas fotografías?

Foi o máis complicado deste traballo,  quería mostrar de todo un pouco. Hai traballos que se descartaron porque ó meu parecer perdían esa sensación que nun principio daba. Despois, coma era unha exposición centrada na paisaxe da Costa da Morte, pois quería expoñer varias fotografías de cada concello. Unha exposición na que hai unha forte presenza da auga, mostra da importancia que ten este elemento nas nosas vidas.

Misteriosa imaxe do Cabo Vilán /Foto: Xoán Carballo/

Gústache o retoque fotográfico, pero sen ser excesivo. Que buscas con estas técnicas?

O que intento é ter un estilo de cor e contraste. Fai que a foto chame máis a atención, que á persoa que vexa a imaxe lle poida conseguir arrincar unha sensación, esa sensación que percibín eu á hora de tomar a foto. O meu lema é “Dun instante, unha historia”.

“Non hai que buscar grandes paisaxes, senón os momentos que fan grande unha paisaxe.”

Por que prefires a fotografía de paisaxe?

Gustar, gústanme tódalas disciplinas que hai dentro da fotografía, aínda que a verdade o que máis me chama a atención é a paisaxe pola súa complexidade, porque na paisaxe, aínda que non o pareza, son moitas horas de dedicación, dun mesmo lugar, repetir a mesma foto a distintas horas do día, estacións do ano, con distintas condicións meteorolóxicas, e, como non, cambiando a composición da toma buscando o equilibrio ata atopar o que busco (que non sempre se consegue), porque non hai que buscar grandes paisaxes, senón os momentos que fan grande unha paisaxe.

Ata o 30 de setembro podemos ver a exposición na Sala Antón Mouzo. /Foto: Adrián Rial/

Comentarios
Unha resposta a ““A fotografía é a mellor escusa para visitar paraxes descoñecidas.” Xoán Carballo”
  1. Ezequiel Sánchez di:

    No tuve la ocasión de visitar su exposición, pero viendo su galería digital se puede decir que sería espectacular, unas fotos que invocan la magia de esta Costa. Enhorabuena!!. Saludos.

Deixar un comentario