Un outono de luxo para a Casa da Cultura de Vimianzo

Preto dunha ducia de espectáculos, do máis alto nivel nacional e sen ter que pagar un peso. Parece incrible, pero é verdade. Trátase da programación dos domingos da Casa da Cultura de Vimianzo, que volve ser temática: outubro será tempo de teatro; novembro, tempo de música e decembro, tempo de Nadal.

Tempo de teatro

O teatro comeza xa nas últimas horas de vida de setembro, coa representación da Función do tequila, do Teatro do Morcego. A obra gañadora dun premio Rafael Dieste, estréase por primeira vez na Costa da Morte, antes de pasar polo FIOT de Carballo. Manuel Manquiña é un dos actores máis recoñecidos nesta obra que se move entre a ficción e a realidade da tolemia.

"Shakespeare para ignorantes" de Mofa e Befa

Shakespeare para ignorantes é o nome da exitosa obra do dúo Mofa e Befa que leva xa rodado por numerosos escenarios e que chega a Vimianzo o domingo 7 de outubro. Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira sacan a un primeiro plano as intimidades e as crueldades dos personaxes e escenas máis descoñecidas das obras de Shakespeare, todo isto baixo a batuta do artista Quico Cadaval.

Recén sacada do seu envoltorio, logo de presentarse tan só dous días antes no FIOT, Talía Teatro trae O método Gronhölm a Vimianzo o domingo 14. Ata onde podes chegar para conseguir o posto de traballo dos teus soños? Esa é a cuestión que se formulan os catro aspirantes desta obra, que fan reflexionar sobre a deshumanización do capitalismo salvaxe.

Catro mulleres protagonizan a oferta do domingo 28. Teatro do Atlántico trae  “E.R. (Algún día traballaremos xuntas)“, coa dirección de Xúlio Lago, no que as protagonistas contan a súa relación co teatro e, a través disto van trazando o seu perfil humano, os seus dramas familiares, as súas paixóns, as súas frustracións ou a súa maneira de afrontar as dificultades da vida.

Tempo de música

A música coral inaugura este novembro temático, cunha xuntanza moi especial. Tres corais da Terra de Soneira (Coral Polifónica Lusco Fusco de Vimianzo, o Coro Municipal de Mulleres de Camariñas e a Coral Polifónica Xan Mella de Baio) participan no II Encontro de Corais Costa da Morte. A música da zona continúa tamén no seguinte domingo, o 11, no que haberá un concerto de músicos de Vimianzo

A aposta forte do mes chegará con Sés acústico. A coruñesa de raíces carballesas María Xosé Silvar pon a voz e o espectáculo, ó ritmo da guitarra de Tito Calviño. Presentan o seu disco Admirando a condición, de ritmos americanos tanto do norte coma do sur, onde ten cabida o blues, as rancheiras,  o rock e ata o ska. En Vimianzo, o domingo 18, presentan unha versión máis íntima, na que  Sés ofrece un espectáculo non só musical, senón que tamén sacará as gargalladas do público coas súas anécdotas e tamén fará sacar o espírito máis reivindicador do público con éxitos coma Tempestades de sal. A asistencia é case obrigatoria, queda máis que aconsellado!

http://www.youtube.com/watch?v=dw7JFkSJBpA

E unha aposta arriscada é a da Cor das Mapoulas da compañía coruñesa Catro no Metro. A danza contemporánea é un ben escaso na Costa da Morte, polo que o domingo 25 hai unha boa oportunidade para abrir a mente a espectáculos diferentes con esta peza de catro mozos coruñeses.

Tempo de Nadal

As propostas para toda a familia chegan en decembro; o 2 con teatro da compañía A Mámoa A Casa dos Líos; o 9 o espectáculo clown de Peter Punk e por último o 16, maxia co Mago Benxamín.

Post-data persoal

 Unha programación desta calidade, nos tempos nos que vivimos, alenta e dá folgos á xente que cre que a cultura aínda ten moito que vivir, que non está nas últimas. Poder ofrecer cultura de balde non quere dicir que non lle custe nada ó concello, quere dicir que o estamos a pagar cos nosos impostos, xa que a cultura, de momento, aínda segue a ser un servizo público. Por favor, como consello persoal, non desaproveitedes esta oportunidade que se ofrece nunha bandexa de ouro, porque se se crea un cartel deste calado é para que a xente o poida gozar e asista, non para os “dous de sempre”. Só pido unha cousa: Proba. Xa verás como repites…

Casa da Cultura de Vimianzo

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario