“Non se está valorando abondo o cartel deste FIOT” Toño Casais

Logo dunha intensa tarde de ensaios, Toño Casais aténdenos na véspera de presentar xunto cos seus compañeiros de Talía Teatro O método Gronhölm, unha coprodución co FIOT de Carballo, da que nos conta máis detalles neste adianto de entrevista. Talía Teatro estará hoxe e mañá en Carballo con esta produción, e o domingo en Vimianzo.

Este é só un adianto da entrevista a Toño Casais na que conversamos sobre o panorama do teatro para o ano que vén, a súa presidencia na Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e tamén algo obrigado, unha reflexión despois do peche definitivo da Mostra de Teatro de Cee. Mentres, Toño explícanos de que vai O método Gronhölm…

Malia que foi escrita hai varios anos presentades O Método Gronhölm como unha proposta de plena actualidade.

Sigue estando de plena actualidade. Proba diso é a pregunta que se formula na obra: “Que estarías ti disposto a facer por un posto de traballo? No seu momento, cando saíu á luz, tivo moita vixencia polas axencias de contratación temporal e todo iso. Pero agora coas cifras de paro que hai sabemos que é unha situación completamente posible. Calquera é capaz de facer o que sexa por conseguir un emprego. Esta obra valora a dignidade humana de quen estás entrevistando. Ten unha vixencia total!

E como é o teu personaxe nesta historia?

Non podemos desvelar moito. É algo propio de Jordi Galcerán, o autor da obra, do que xa temos representado tamén Dakota e Palabras Encadeadas, non se pode contar de máis. O que si podo dicir é que o meu personaxe é Fernando Porta, un candidato máis que se presenta a esta entrevista de traballo. É moi, moi ambicioso e está disposto a pisar a todos con tal de ser seleccionado para o posto. Iso fai que non teña o máis mínimo reparo en arrasar co demais.

Nesta produción repetides os tres actores da última peza (Pelos na lingua): ti, Artur Trillo e María Ordóñez. Incorpórase Dani Trillo. Non tería que pasar por unha destas entrevistas ó Método Gronhölm?

(Ri) Non, nos somos máis brandos en realidade. Dani Trillo pertence á compañía e foi escollido. A quen contratamos foi ó director da obra Xúlio Lago. A Artur apetecíalle actuar e confiamos en Xúlio porque é un gran director.

É unha pasada, porque parece que a obra se escribiu para nós, teñen as mesmas idades máis ou menos e encaixábamos á perfección. Dani foi o escollido, pero podía ter sido calquera outro, temos máis persoas na compañía. Ademais todos podemos representar calquera papel. É a filosofía de Talía Teatro. Dani está representando un traballo moi bonito.

E na situación na que nos atopamos, como valoras o apoio do FIOT e a confianza para crear este espectáculo?

O Concello de Carballo está demostrando que si aposta pola cultura con este festival de teatro. Dígoo sinceramente, non se está valorando de abondo o cartel deste FIOT. O feito de que Els Joglars, Tantakka Teatroa, Animalario, Sarabela, etc. estean aquí é impresionante. É moi difícil que vaian a Carballo, xa que é difícil que vaian a unha gran cidade. Els Joglars por exemplo fai xiras esporádicas e non vai todos os anos á Coruña ou Vigo. Do mellor que hai no teatro está este mes en Carballo. E isto demostra que o Concello aposta polo FIOT. É ademais un exemplo para todos os demais. E as entradas esgótanse… A xente quere cultura, pero non se llela quere dar!

Ademais estivemos traballando nun teatro dous meses grazas ó Concello, e agora presentamos dúas funcións con cheos absolutos. Isto é unha aposta firme polo teatro galego. É unha honra que o Concello aposte por este espectáculo.

Na nova obra que presentades dicides que vos adentrades nas entrañas das grandes empresas, que queredes dicir?

A empresa do Método Gronhölm é unha enorme empresa líder no sector no que traballa. Non especificamos máis, xa que non se quere personalizar. Esta empresa quere xente sen escrúpulos, hai unha frase que o resume moi ben: “Non buscamos unha boa persoa que pareza un fillo de puta. Nós buscamos un fillo de puta que pareza boa persoa.” Trátase ademais dunha empresa grande que se come ó pequeno, e no que hai que aniquilar e machacar ó contrario.

Falamos de altos executivos dunha empresa mundial, pero pódese trasladar a calquera cousa. Unha persoa sería capaz de dar un ril con tal de conseguir un posto de traballo. Un exemplo de todo isto: Eurovegas. Prometen dar centos de postos de traballo e para que sexa posible o goberno de Madrid está disposto a eliminar leis con tal de que dean postos de traballo. O Método Gronhölm retrata moi ben á sociedade, e non fai falla ir moi lonxe. Podemos atopar estas situacións ó lado da casa. Os empregos van “al mejor postor“. Poden pagar miserias con tal de saíren beneficiados.

E poderíase facer algunha comparativa tamén co mundo teatral?

É complicado de facer unha comparativa, non hai ningunha empresa teatral que funcione desta maneira. O que si se ve é que se aposta por unhas cousas e non por outras. O tempo demostrou que o teatro sempre sobrevive e seguirá sendo así, supoño

Continuará…

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario