“A Mostra de Cee está absolutamente eliminada do noso pensamento” Toño Casais

Pódese dicir que para o actor ceense Toño Casais o 2012 foi un ano intenso: “Pelos na lingua” é todo un éxito de público e crítica; é elixido presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; despide para sempre a Mostra de Teatro de Cee e, agora, presenta esta semana “O método Gronhölm”, unha coprodución co FIOT. Logo de dúas funcións cheas de público, presenta esta tarde en Vimianzo a terceira función, da que se agarda tamén que se esgoten as butacas.

O xoves dábamos as claves do FIOT nun adianto da entrevista que lle fixemos a Toño, e hoxe podedes lela íntegra. Fala do duro momento polo que pasa o teatro ultimamente, da asociación de actores que preside e tamén, como non, da Mostra de Teatro de Cee.

Din que as cousas nunca poden ir a peor, pero que agardas deste ano que vén para o teatro?

A situación é moi difícil, a nivel de que os concellos están recortando moito gasto e sobre todo en cultura. Non é que nos estean quitando postos de traballo, senón que o que, ó non fomentar a cultura, estás quitando o dereito á cultura e ó traballo. Estás eliminando a opinión crítica das persoas.

Con todo, nós estamos “capeando ben o temporal”, pero hai compañeiros en situacións extremas. Hai colegas que están pedindo cartos para poder chegar a final de mes. A ver como vén o 2013, pero está claro que se decidirá a partir de outubro…

“Veñen tempos de despachos e de protestas”.

Agora que es o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terás que ver todo dende outra perspectiva…

Si, levo uns meses de toma de contacto con todo. Ó primeiro estás un pouco á marxe. Veñen tempos duros e combativos, xa nestes últimos tempos coa presidencia de Morris. O que nos toca agora é meternos nos despachos e na rúa continuamente. A situación é dura, pero vai selo máis porque recortan en todo, pero máis na cultura, aínda que non tanto na Cidade da Cultura… Xa non estamos pelexando só polo noso dereito ó traballo, estamos pelexando polo dereito á cultura! Agora vén tempo de despachos e de protestas.

“Bicos con lingua” Á dereita, Toño Casais, con Artur Trillo.

Pódese poñer a escusa da falta de público no teatro, pero parece ser que non é certo. Polo menos na Costa da Morte sempre contades con boa acollida, e hai ademais moito teatro afeccionado. Como o ves, sendo profesor en moitas escolas da nosa zona?

A Costa da Morte sempre foi moi afeccionada ó teatro. Podemos falar de Malpica, Camariñas, Vimianzo, Badius en Baio… O feito de que haxa grupos de teatro afeccionado sempre crea público. Se vas a Vimianzo, hai público. Se vas a Cee, hai público… Non sei por que non se inviste, se hai demanda! Muxía e Dumbría están comezando forte. Aínda que no caso contrario atópase Fisterra, que non ten nin un espazo para representar.

Os concellos teñen que darse conta de que aparte de asfalto e infraestruturas, os veciños pagamos impostos para que lles deas un filme, unha obra de teatro, música… Afición haina e iso está claro, deben buscar outra escusa.

“Chegamos a un punto de non retorno, porque non hai un compromiso firme e serio de ningún concello”

E o público de teatro que si existe na Costa da Morte agora chorará cunha gran ausencia: a Mostra de Teatro de Cee. Como se poderá cubrir este profundo oco?

É algo que xa non nos toca a nós. A Mostra está absolutamente eliminada do noso pensamento. A min non me preocupa o que vai pasar o ano que vén. A Mostra foi algo importantísimo para a zona. Conseguimos educar un público e ninguén estivo á altura do público que vai a Cee.

E que vai pasar o ano que vén? Pois o goberno que estea daquela terao que decidir. Se fan algo ou inventan calquera cousa, espero que non lle chamen Mostra de Teatro. Nós chegamos a un punto de non retorno, porque non hai un compromiso firme e serio de ningún concello. En Carballo, por exemplo, si hai un compromiso claro coma o FIOT, pero en Cee non. A Xunta e a Deputación dan axudas pero tarde, mal e arrastro. A Xunta pide que teñas 50.000 euros de orzamento e que teñas que adiantar os cartos. En que cabeza colle que unha organización sen ánimo de lucro poida adiantar esa cantidade?

Acabamos a Mostra con moita pena, fastidiounos moito. Os máis apenados somos nós, porque queriamos moito á Mostra. Se é que se fai algunha outra cousa, definitivamente a pelota está no teito de outro.

Artigos relacionados:

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario