Aínda que se vista de pedra…

Nas miñas continuas viaxes pola Costa da Morte ultimamente estou levando gratas sorpresas. Os veciños da zona están abrindo os ollos e dándose conta das monstrosidades que se foron creando por cada recuncho desta terra. Moitos valados de formigón comezan a pintarse para disimular polo menos e moitas paredes están a descubrir as súas entrañas de pedra sacando o cemento que as recubría, ou incluso, nace a pedra por riba do bloque.

O caso que veño a describir hoxe, coma en todos os que escribo, son cuestionables. Nas miñas análises arquitectónicas falta saber algo imprescindible na xustificación das aberracións: a orixe. Hoxe traio un exemplo de Muxía, a vila da Barca, a que tanto me gusta para botar unha sonada, agás os días de Romaría por razóns obvias…

Pois ben, logo do Prestige e logo da outra marea negra: a urbanística, nacida a partir das supostas riquezas dos emigrantes, Muxía desvirtuouse completamente. Pouco queda daquela fermosa vila mariñeira que dialogaba co mar.

Unha desas rúas que evocan tempos mellores é a Rúa Real, que aínda garda o sabor da vella Muxía. Paseando por esa rúa podes levar sorpresas, pero tamén moitos sustos. Un deles é este edificio dos clásicos pos-sesenta, con varias plantas coas súas fiestras anodinas cun intento ornamental ó bordear cunha liña azul. Pero o grave chega no seu baixo.

O chafalleiro chan coa chafalleira obra.

Un pórtico de pedra de soportais aguanta a desfeita urbanística deste frío edificio da Rúa Real. O seu chan mistúrase co cemento da chapuza. Non sei, como xa dixen, a orixe deste pórtico. Pode ser que se colocara posterior, ou que xa estivera alí, o cal sería moito máis grave o construírlle iso enriba, pegado por certo a unha tradicional casa de pedra. O que si podemos ver é o contraste realmente danino para a vista e o bo gusto que supón esa mistura de cemento, bloque, pedra, columnas ben traballadas e portas de aluminio. Unha desfeita máis para a nosa colección…

Unha ruína grega semella aínda respirar baixo o xigante.

A tradición da pedra combina con outra tradición máis moderna: a porta de aluminio.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario