“Durante o proceso de elaboración de Gin Sea non entra en xogo nada que non sexa natural”. Manuel Barrientos, creador de Gin Sea

Malia ter estudado Terapia Ocupacional, este mozo de Dumbría rematou exercendo de sumiller e maître tras cursar os Estudos Superiores de Sumillería na Escola San Javier da Coruña. Así, con tan só 29 anos xa é todo un profesional no mundo dos licores, porque acaba de crear unha nova xenebra que leva por nome Gin Sea. Un licor que nos lembra no seu apelido ao mar bravo da Costa da Morte.

Como e cando xurde a idea de crear Gin Sea?

A idea ven a ser un conxunto de coincidencias. Por un lado a miña paixón pola hostalería e os estudios de sumillería; polo outro o meu gusto polo gin tonic e o tirón que estaba tendo este combinado nos últimos anos en España. Todo isto, fixo posible que me puxera mans á obra co proxecto.
Supoño que o proceso de elaboración non foi doado, Cóntanos un pouco como se elaborou Gin Sea.

O primeiro foi buscar destilerías ao longo e ancho de toda España. Foron varios meses de contactos e de probas ata que acabei dando cunha pequena destilería familiar, nacida no 1831, unha das máis antigas de Europa que aínda en activo; seguen a conservar todos os procesos ancestrais de elaboración e iso foi un dos factores que máis me gustou.

Logo buscamos un provedor de alcohol de gran puro de orixe inglés. Posteriormente empezamos coas maceracións de botánicos por separado en tanques con este alcol neutro a concentracións en torno ós 50 grados. Esta foi unha das partes máis bonitas do proxecto: ir xogando con moitos botánicos, con diferentes concentracións dos mesmos ata que demos coa combinación buscada. Foron varios meses de probas nos que busquei sobre todo unha xenebra de carácter clásico pero cunha personalidade marcada. Unha xenebra con claros sinais de identidade.

Manuel Barrientos acompañado de José María Velay na presentación de Gin Sea no Boulevard Fisterra

Que diferenza entón a Gin Sea doutras xenebras?

Gin Sea é unha xenebra de pequena produción polo que non entra en xogo durante todo o proceso o uso de nada que non sexa natural. En canto a botánicos, dende o meu punto de vista a dobre destilación de xenebreiro, sumado ao noso traballo intenso con botánicos coma o cardamomo e a laranxa amarga, quizais lle confiran as principais diferenzas con respecto a outras.
Está tendo boa acollida Gin Sea? En que zonas se está implantando máis? 

A acollida por agora está sendo boa pero non debemos esquecer que en moitos casos adoita pasar ó principio. Entre o seu posicionamento está o factor novidade que soe tirar forte das vendas. O realmente importante está aínda por vir e será entón cando poidamos facer valoracións máis firmes.

Principalmente estamos a traballar en toda a provincia da Coruña, proximamente tamén faremos o propio na de Lugo. Fóra de Galicia estamos xa en Girona e moi breve estaremos en Portugal e probablemente tamén en Inglaterra e Alemaña. En poucos meses iremos completando a maioría de España.
Os seguidores do Compás están xa agardando para probar a Gin Sea, cal é a receita idónea para un bo cóctel de xenebra?

Coa Gin Sea, quizais o combinado que poida chegar a máis xente é o gin tonic. Recomendo 5 cl de Gin Sea para 20 cl de tónica. Unha tónica de burbulla fina e delicada sen demasiado aporte aromático. Penso que a pel de cítricos coma o limón, a lima e a mandarina son ideais para acompañar esta mestura exquisita.

O actor galego Luís Iglesia é a imaxe publicitaria de Gin Sea

Xa vemos que un aos que máis lle gusta o Gin Sea é a Luis Iglesia Besteiro (Carmelo Matalobos), por que escolleu ao malvado da TVG como imaxe da súa xenebra?

Buscaba un actor galego con grandes dotes para a interpretación en papeis nos que precisamente non destacara por ser o bo da película. Alguén con certa bagaxe e a poder ser con papeis de protagonista en series líderes. E estaba claro, Luis Iglesia Besteiro, Carmelo Matalobos na serie, foi moi fácil de elixir. O seu papel en Matalobos con ese carácter tan marcado foi o que máis nos gustou porque pensamos que pode aportarnos moito valor á marca.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario