“O oficio do fareiro aínda segue a ser necesario” Pablo Ces, director de “Torreiros”

No confín das terras, cabos e illas a luz dos faros segue alumeando, malia que ninguén os controla xa. A visión romántica do solitario torreiro vivindo nestes inhóspitos lugares salvando as vidas dos mariñeiros cos seus sinais, quedou nos soños e imaxinacións dende que se eliminou o Corpo de Funcionarios dos Fareiros no 1993. Os faros e as súas vivendas foron quedando abandonados, algún está a quedar na mesma ruína.

En toda esta situación nace o documental Torreiros. Un oficio centenario que se apaga. Cunha fermosa e magnífica dirección fotográfica de Pepe Brey, percórrese a xeografía galega buscando ós últimos fareiros e reivindicando a posible pervivencia deste oficio. Os faros de Fisterra, Roncudo e o Vilán son os obeliscos elixidos polo director Pablo Ces, quen quixo facer unha homenaxe ó seu pai no seu segundo documental, logo de Silenciadas. O Compás estivo na estrea deste documental e falou cos seus dous grandes protagonistas: pai e fillo.

Pablo Ces

Por que lle debías este documental ó teu pai?

Despois de Silenciadas, que fixen coa miña nai porque foi o seu traballo de investigación, e logo de ver a acollida entre a xente, quixemos contar máis historias. E pensei: “Que mellor que facer que isto?” O mundo do meu pai, no cal me criei de pequeno, e facerlle unha pequena homenaxe tanto ós torreiros coma a el. Cando rematei Silenciadas o meu pai obrigoume a prometelo.

Pai (esquerda) e fillo (dereita) co Vilán ó fondo. /Foto: Manuel Rial/

De pequeno, como viviches esta relación cos faros?

El era do Corpo de Técnicos de Sinais Marítimos, pero non estaba nun faro. Estaba noutro sistema de sinais, que están nos montes, pero tiña que estar alí illado de todas formas. De pequeno pasamos moito tempo xuntos na estación DECA, nas fins de semana, no Nadal. O que pasa é que todo rematou no 93, cando lle deron a elixir a seguir como funcionario ou seguir como torreiros. Destinárono ó porto de Vilagarcía e xa cambiou todo.

“Alguén debe quedar no faro para poder mantelo e coidalo”

Reivindicades no documental que a profesión de fareiro aínda é posible

O que é o Corpo de Funcionarios desapareceu e o que é a profesión xa non é o mesmo nin vai existir. Pero, como eles mesmos comentan no documental, ós faros hainos que seguir mantendo e coidando e aínda que non sexa coma antes, alguén terá que quedar alí, porque senón ese edificio pode saquearse o deteriorarse. Teñen un valor arquitectónico importantísimo, e os sinais de luz tamén teñen que seguir existindo. Porque aínda que existan GPS ou outras máquinas, de cara á pesca de baixura ten que seguir existindo. Xa non como corpo de fareiros, chamaranlle doutra forma, pero terá que seguir existindo alguén que os coide.

“O Faro Vilán tiña unha fareira”

Saen moitos faros da xeografía galega no documental, e na Costa da Morte escollestes principalmente o Vilán, por que?

Porque a min particularmente é un dos meus faros preferidos. O entorno e o edificio son preciosos. Ademais é un dos faros máis emblemáticos dos que queda, ó ser un faro de primeira orde, pola distancia que cobre. E tamén pola súa importancia en Galiza e no mundo. E tamén porque alí traballa unha muller, viúva de fareiro. Eran motivos máis que suficientes!

José Luís Ces

José Luis non traballou nun faro propiamente pero foi o gran responsable deles, ó ser presidente durante tres anos nos 80. Agora xa leva xubilado cinco anos, aínda que dende o 93 xa non puido traballar máis cos faros.

Ó ser o presidente dos fareiros tivestes relación con todos os fareiros de todo o Estado…

Si, practicamente coñecía a moitos deles, das Baleares, de Valencia… De toda España, en xeral. E case na metade deles durmín algunhas noites!

E concretamente, na Costa da Morte vemos que tes relación, por exemplo, coa fareira de Camariñas…

Si, Cristina. É viúva dun home que foi na miña promoción, que morreu desgraciadamente por unha mala enfermidade hai dous anos.

Ves que na Costa da Morte teña máis responsabilidade o labor do fareiro ó loitar contra un mar tan bravo?

Por suposto, a Costa da Morte é a máis perigosa. Á vista está o que pasou co Prestige ou con outros naufraxios. Pero, con todo na navegación de hoxe en día, os faros a quen máis axudan é a navegación de cabotaxe, ós barcos pequenos, de recreo, ós mariñeiros que pescan preto da costa. Porque os grandes buques levan sistemas electrónicos que lles permiten non precisar dos faros.

“Ser fareiro nunha illa, no medio dos temporais, é duro.”

Cóntase tamén no documental o duro que é ser fareiro nunha illa…

Home! Porque estás illado. Na costa podes marchar un momento, ir á cidade, á vila e facer o que sexa. Pero, na illa tes que estar alí atado os quince días ou o que che toque, e claro no medio dos temporais é duro.

Na Costa da Morte temos o faro das Illas Sisargas, que xa leva tempo abandonado.

Non, abandonado non. O que pasa é que era moi complicado o levar e traer xente. Ó final fixérase un pequeno heliporto para traer e levar pasaxeiros con mal tempo. Pero ó final coa automatización xa non hai ningún técnico alí e unicamente vaise algunha vez alí a facer unha revisión.

Como se vive a profesión de fareiro con respecto á familia?

Pois é unha vida que crea moita unión, crea un espírito moi altruísta na vida. Hoxe xa case desapareceu isto, porque xa quedan moi poucos fareiros.

O Faro Fisterra /Foto: Manuel Rial/

O teu fillo, Pablo Ces, asegurou que era un documental que che debía. Quedou a conta ben saldada?

Si, claro. Quedei moi agradecido e tamén os meus amigos. Agora queda a promoción, iremos a Vilagarcía, por exemplo. Isto vale para que as familias, os fillos e os netos dos que foron fareiros vexan como foi a nosa profesión e como agoniza tamén.

Podería seguir sendo necesaria a profesion de fareiro malia toda a técnica que existe hoxe en día?

O debate é precisamente se debe existir a profesión de fareiro como tal. Tecnicamente, loxicamente xa non fai falta un fareiro nas formas que houbo antes. Pero dende o punto de vista de que haxa alguén que conserve o patrimonio histórico e cultural tan bonito que temos, que alí vivan os torreiros ou os fareiros – como se lles queira chamar- evítase o vandalismo e que se destrúan os faros, porque polo feito de vivir alí xa os coidan. E ó mesmo tempo pode levar a asistencia técnica do mesmo, como antigamente. E xa só por isto, vale a pena.

Comentarios
Unha resposta a ““O oficio do fareiro aínda segue a ser necesario” Pablo Ces, director de “Torreiros””
Trackbacks
Ver que andan a decir os outros
  1. […] Entrevista a Pablo Cés e pai en Compás da Costa. […]



Deixar un comentario