AMESMALÚA

 

“La LUNA vino a la fragua
con su polisón de nardos.
El niño la mira, mira.
El niño la está mirando”

cantaba Federico García Lorca no seu Romancero Gitano; un sentir popular con voz de vangarda; balas literarias dun xenio andaluz. Lorca apañaba a esencia sementada polo pobo e inventaba árbores inéditas. Na patria universal da Fantasía. Curioso proceso creativo, non si? Idear desde a raíz sen ficar na tradición. Con esa mestría, o froito só podía ser sublime: ver medrar nas oliveiras da súa terra natal follas con poemas.

“Aparta loureiro verde
deixa clarear a LÚA
se non vexo os meus amores
non vexo cousa ningunha”

entoaba, namentres, un neno galego. Desde o outro extremo cardinal; o norte da Península. Distinto cativo, tradicións diferentes mais… A MESMA LÚA ! A lúa que miraban os rapaces era exactamente a mesma. Como a substancia máis pura da súa idiosincrasia. Sen flores artificiais! Porque a cultura non precisa de excesos “folcloristas”. Por que ofuscarse, entón, con ornamentos hiperbólicos? Cando somos parte, xa, da natureza que habitamos. Somos carballo; mostrémonos como tal ou creemos novas landras, pero non merquemos aderezos espurios que nos agochen. De escondernos, facelo voluntariamente, como a cara oculta da lúa…

Oculta porque, tras o pano teatral, afinan voces infantís un grupo con son sabio e maduro. Un conxunto musical que agroma fusións desde o extracto máis espontáneo para enxertar fragas e oliveirais de forma extraordinaria. Eis a fórmula perfecta! A eclipse harmónica que encaixou AMESMALÚA.

AMESMALÚA! Que enredou raíces andaluzas e galegas sobre o astro selenita.

AMESMALÚA! Exército de astronautas que visitan ás nosas terras para apañar tradicións. Aínda que regresen á estratosfera ao cantar os novos ritmos que, xuntos, soñaron… Nunha ascensión de crecemento artístico.

AMESMALÚA xira, nun Eterno Retorno de tradicións revisadas. Con bases de flamenco primitivo que sustentan o cancioneiro popular galego. Ata que a nosa lingua en 6/8 vai retorcendo a rotación e pasa a incorporar os ritmos propios do Atlántico norte. Sempre con espazo para a improvisación entre acenos jazzísticos, percusións antigas e solos de vento metal prodixiosos. Máis cordas de guitarras en constante conversa coas gorxas mestizas das cantantes.
Só así se pode experimentar, desde a esencia natural dos pobos. Precisamente nesas pontes comeza o interese intercultural, sen caer en grandilocuencias impostas. De abaixo a arriba. Sempre de abaixo a arriba; desde as fragas e oliveiras ata a lúa. Ata AMESMALÚA.

AMESMALÚA naceu en 2009, nun prolífico cruce de sendeiros entre a palabra máxica de Manuela Elena (Sara Carbonero) e o saxo portentoso de Gautama del Campo. Ao camiño que eles trazaron foron sumándose artistas de altura sideral, como Juan Maya, Yago Salorio, Josito Congosto, Paco Botía, Jose Luís Calandria, Delfina Rolán ou Juan Olivares. Desde 2011 todos eles, xunto con novos colaboradores, están a editar o seu primeiro disco, “AMESMALÚA”.
AMESMALÚA visitou este verán a Costa da Morte. A súa primeira aterraxe no noso planeta pétreo comezou na Punta da Barca, concretamente cunha gravación promocional. E rematou cunha participación estelar na Romaría muxiana… Xamais o plenilunio brillou con tal intensidade! Nunca o satélite influíu tanto nas nosas mareas internas; maiores e pequenos gozamos da mestura cultural baixo un mesmo sentimento. Baixo unha mesma lúa. AMESMALÚA

“El niño la mira, mira.
El niño la está mirando”
“Aparta loureiro verde
deixa clarear a LÚA”

Rosalía Fernández Rial

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario