Deus apreta pero non afoga…

Os cruceiros son un símbolo da cristianización do pagán, de marcar co sagrado un cruzamento de camiños, unha desgraza ou mesmo, ultimamente, algo tan terreal coma os lindes dunha propiedade. En Trasouteiro, un pequeno lugar unido á zona urbana de Vimianzo pola rúa de Tedín, vemos de novo a obsesión do galaico por marcar as súas posesións sexa como sexa.

San Francisco, de xeonllos, no cruceiro de Trasouteiro. /Foto: Manuel Rial/

O lugariño de Trasouteiro fórmase ó redor do pazo dos Aguiar e Caamaño, coa súa fermosa capela neoclásica (s.XIX). Ó seu carón atópanse as casas que foron escolas pías, mandadas construír tamén por Andrés Aguiar, o fundador da capela e tío do frade Diego de Cádiz, a quen se lle rende culto neste lugar e a quen se lle dedican as festas coas sonadas carrilanas. Si, como vedes, son un cormorán informado.

Pois ben, enfronte das “escolas pías” érguese un espléndido cruceiro de plataforma octogonal con cinco chanzos. No varal  encáixanse dúas figuras; unha delas, Santiago Apóstolo vestido de peregrino con vieira. Na súa parte superior, coroando o monumento está a cruz, pero cunha única figura ós seus pés: San Francisco de xeonllos rezando.

O Apóstolo no varal. Detalle do cruceiro. /Foto: Manuel Rial/

Pois estas casas tan pías non respectan o patrimonio e nin tan sequera un símbolo da súa relixión. Anteriormente as casas de pedra tiñan un horrible peche dianteiro de cemento e formigón que separaba o pequeno xardín de entrada da porta da casa, creando un coidado espazo que salvaba as súas casas do tráfico e da pista de asfalto pola que non hai ningunha beirarrúa.

Así era o peche no ano 2008. /Foto: MRial/

O cruceiro de Trasouteiro no 2008. /Foto: MRial/

E así estaba ata polo menos hai dous anos, cando, cunha boa intención, os propietarios deciden embelecer (ó seu gusto) este peche cun valado uniforme. Pero claro, había un problema no medio. Non podían pechar completamente a parcela xa que estorbaba o cruceiro. Poderíase ter decidido respectar o lugar, pero non. O muro pegouse o máximo posible ós chanzos do cruceiro, ata o punto de subir por riba del, danando a súa imaxe orixinal.

O muro sube agora por riba do cruceiro. /Foto: MRial/

Por que non se respectou o cruceiro? Por que non decidiron rodealo? Isto quere dicir que metade do cruceiro é dos propietarios das casas? E o principal e máis importante, para que serve un valado incompleto con escaleiras seculares dun cruceiro que levan ó visitante ata o propio xardín da casa?

Todas son preguntas difíciles de responder para un cormorán que non entende a mentalidade humana, pero do que si sabe un pouco é das leis desta especie. O Concello de Vimianzo tomou nota deste desastre e abriu un expediente de reposición da legalidade contra os propietarios do pazo de Trasouteiro por tan atroz mostra de incultura e mal gusto. Os cruceiros son bens protexidos dende 1963, polo que os propietarios deberán render contas ante unha actuación que rompe completamente o conxunto arquitectónico de pazo, capela, cruceiro e as vellas escolas.

O expediente legal está aberto, aínda que o mal xa está feito. O difícil agora é contactar cos actuais donos do pazo, descendentes e herdeiros de María Asunción Poch Díaz de Rábago, que como podedes intuír da clase media non é -aínda que isto non debería ser ningún impedimento, se o hai é que estes humanos teñen moitísimo camiño aínda que percorrer niso que lle chaman eles “civilización”-. O único que alegra a este cormorán é ver que pouco a pouco se van denunciando estas desfeitas, incluso dende os gobernos locais, e ver que quizais si avanzan nesa “civilización”. Seguirei a través desta sección poñendo o foco nos erros e horrores urbanísticos na Costa da Morte e, por suposto, denunciándoos, xa que, tomando exemplo da “pomba da paz”, eu tamén podo ser unha ave “exemplar” e “modelo” para estes seres humanos.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario