Novembro de teatro galego

Tralo rotundo éxito do FIOT en Carballo, novembro traénos espectáculos de novo á Costa da Morte cun pequeno ciclo en Ponteceso. Os sábados deste mes están protagonizados polo noso teatro na terra de Pondal. A colaboración entre o concello pontecesán e a A.C. Monte Branco permite que polas táboas da Casa dos Veciños do Couto pasen tres compañías galegas de longo percorrido e un espectáculo de maxia.

O vindeiro sábado abre o ciclo a compañía Teatro do Astracán con Obra e familia, unha comedia a partir dos conflitos cos que se atopa unha familia acomodada cando se atopan cun ladrón un chisco torpe no salón da súa casa. Sobre un texto de Evaristo Calvo actúan entre outros o coñecido clown Pedro Brandariz.

Despois do seu paso por Carballo e Vimianzo para presentar a súa nova produción, Talía Teatro acode ao Couto coa obra que lle brindou máis recoñecementos ata o momento. En Pelos na lingua Toño Casais, María Ordóñez e Artur Trillo interpretan unha serie de sketches que pretenden facer reflexionar arredor dos usos e tópicos da lingua galega con grandes doses de ironía.

O sábado 10 de novembro o escenario pontecesán recibe ao Mago Teto. Promete emocionar ao público coas súas Novas tolemaxias, un espectáculo onde combina todas as disclipinas do ilusionismo: maxia de preto, grandes ilusións, manipulación e mesmo mentalismo. Todo isto sen deixar atrás o toque canalla que caracteriza este mago.

Para rematar a viaxe teatral, o derradeiro sábado de novembro é o turno da compañía Malasombra. Dirixidos por Marcos Orsi, Xoque Carbajal e Jouse García interpretan Go on!, unha aventura cósmica galega ambientada no pasado. Logo da chegada do home á Lúa á humanidade só lle queda un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 201o -ano 25 despois de Gayoso- dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas, onde viviron situacións extremas como o ataque dun malvado can de palleiro.

Todos os espéctaculos do XIX Ciclo de Teatro de Ponteceso están pensados para un público adulto e terán lugar ás 22.30 na Casa dos Veciños do Couto. As entradas poden mercarse antes de cada función no mesmo lugar por 3 euros ou con anterioridade na tesourería do concello.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario