Unha viaxe no tempo a ollos dun paxaro

Había unha época na que non existía encoro na Fervenza e Cee era o fondo dunha ría. Era 1956 cando os avións do Exército norteamericano realizaron un voo por todo o territorio para a ditadura franquista. Hoxe esas imaxes están á disposición do cidadán, de forma completamente libre, grazas á posta en funcionamento do servizo web SIX pola Consellería de Medio Ambiente. Velaquí a ligazón.

Ademais das ortofotos do 1956 hai ferramentas moi importantes para o xeógrafo, o arqueólogo, o lingüista ou o curioso en xeral. Este servizo funciona como un enorme Google Earth no que podemos consultar os mapas topográficos, con todos os nomes de lugares, o catastro, o Mapa de Usos do Solo, o Mapa de Pendentes e comparar as ortografías do 1956 coas do 2009-2010.

Sen dúbida esta última ferramenta é a máis espectacular e grazas a elas podemos descubrir auténticos tesouros. Deste xeito, podemos ver os avances urbanísticos na zona, o cambio da paisaxe agraria trala concentración parcelaria, o impacto dos encoros ou de minas a ceo aberto e tamén como achegas de información do pasado. Velaquí algúns exemplos:

Cee

O ensanche creado sobre o mar en Cee é un dos cambios urbanísticos máis impactantes na Costa da Morte. Nestas imaxes apréciase perfectamente ata onde chegaban as augas da ría antes do recheo. As guías, para non perdernos na comparativa, son á esquerda a estrada principal cara a Corcubión e pola dereita a estrada cara Ó Ézaro e Brens.

O val de Traba

Este é só un exemplo dos cambios que provocou a concentración parcelaria na paisaxe agraria galega. Vemos como os centos de hortiñas e leiras do 56 son agora cuadrículas sobre a “tabula” do Val de Traba de Laxe.

O Encoro da Fervenza

Sen dúbida, a imaxe máis impactante que nos deixa na Costa da Morte esta ferramenta. Nesta imaxe apréciase o asolagamento de terras, castro e ata aldeas baixo as augas do río Xallas no 1960. Quen ía pensar naqueles tempos que só catro anos máis tarde da primeira foto todo se convertería nun pequeno mar.

Estes son só algúns exemplos, agora convidámosvos a que investiguedes pola vosa conta nas vosas zonas.

Comentarios
Unha resposta a “Unha viaxe no tempo a ollos dun paxaro”
  1. Cristian di:

    Moi interesante e curioso. Creo que vou investigar un pouquiño. Grazas!

Deixar un comentario