O teatro será o rei na programación cultural de novembro en Cee

O teatro vai ser o principal protagonista dentro das actividades culturais programadas polo Concello de Cee para este mes de novembro. As representacións darán comezo a vindeira fin de semana posto que o sábado poderemos gozar de Laretadas, monólogo do actor Josito Porto; e o domingo será a quenda da escola Municipal de Teatro de Muxía coa obra O médico a paus. Non todo o teatro queda aí: ao domingo seguinte, será a Escola Municipal de Teatro de Cee quen volva a representar Mala hostia!, unha obra dirixida por Artur Trillo que provocou máis dunha gargallada o día da súa estrea. Por último o sábado día 24 poderemos ver Tacóns na corda, unha obra coa que se pretende conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Todas estas sesións terán un prezo de entre 1,5 e 2,5 euros.

Outra boa parte da programación estará ocupada pola música, polo Salón de Actos do Concello pasarán dende o Omar Percussion Group (xoves 29) ata a música dos mestres da Orquestra Sinfónica de Galicia que nos traerán un concerto de vento-metal que leva por nome La Rosa de los Vientos (Mércores 28) . Ademais, non deixan de lado a música coral que volverá a Cee da man das corais Neria e Follas Novas (Xoves 22)

Cabe citar tamén que durante este mes tamén se desenvolverán diversos actos na conmemoración do 300 aniversario da morte de Domingo Antonio de Andrade como son a exposición que se pode seguir visitando ata o día 17 ou a excursión á Compostela de Andrade prevista para o día 17.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario