O nome máis curto do mundo está en Muxía

Ó fondo da Ría de Camariñas onde as augas doces do río Grande do Porto se xuntan co sal do Atlántico hai unha terra con historia. Lindando co Concello de Vimianzo, pero aínda en Muxía atópase a parroquia de Leis. Ou, mellor dito, como reza o topónimo oficial: Leis de Nemancos. O segundo nome venlle dado da antiga comarca dos Nemancos, que hoxe pervive na denominación do arciprestado. Como aventura o filólogo Paulo Martínez, a raíz de Nem-ancos podería ter relación cun “bosque sagrado” que non sería tan raro que existira nestes lugares da finisterrae. “Leis” que ten un significado claro en galego, pode ter relación coa palabra evidente “lei”, do latín “lex“. O que sabemos con certeza é que a familia de nobres que residiu neste lugar levou o nome dos Leis ata que en pouco tempo se xuntou coa familia Traba. Daquela época queda a testemuña dunha fermosa igrexa románica.

Vista de Leis dende a Cruz do Ferreiro. /Foto: Manuel Rial/

A aldea de Leis repártese en varios lugares: O de Baixo e o de Arriba, O Pedregal (pola abundancia de pedra) A Atalaia (onde supostamente estaría a torre da familia nobre) e un curioso nome: A Cadeiriña, quizais pola semellanza dalgunha rocha cunha cadeira.

Igrexa románica de Leis. /Foto: Manuel Rial/

Seguindo cara a costa pódense visitar dúas praias espectaculares cun impresionantes vistas sobre a ría, quedando á marxe esquerda a vila de Muxía e á dereita a de Camariñas. Unha é a praia da Barreira, ao lado do cámping. Ese nome mailo do Foxo fánnos pensar na antiga existencia dun lugar para cazar lobos. A Punta do Lago, onde se sitúa unha fermosa baliza separa a praia da Barreira da do Lago. Este hidrónimo da nome a toda a zona, dende a costa, ata o monte e mesmo o río, que é o que crea esa pequena acumulación de auga no areal, que cada ano muda de forma, de aí o nome O Lago.

A punta do Lago separa os dous areais. /Foto: Manuel Rial/

Se volvemos cara á aldea de Leis, cara á Cadeiriña e seguimos ó sur, pasaremos entre dous montes. Á dereita, O Cotrón, que provén da raíz cot- e significa a parte máis alta dun lugar. Á esquerda vemos o Monte Agudo, que fai referencia á forma de punta na que remata. No seu alto está o Prado da Cortiña, que indica a existencia dun pequeno terreo onde se cultivaban cousas e que estaría valado. Así chegaremos ó Valiño (sinxelamente, un “val pequeno”) e ás Pereiras (onde habería estas árbores frutais que dan peras).

“Quen mire o sinal que indica a dirección deste lugar, crerá que lle faltan letras ou que está roto” /Foto: Manuel Rial/

Temos diante, agora, a parroquia cun dos topónimos máis curtos do mundo: O. Quen mire o sinal que indica a dirección deste lugar, crerá que lle faltan letras ou que está roto, pero realmente o nome da parroquia é “A O“.  E de onde vén este raro topónimo? Pois trátase dun haxiotopónimo, é dicir, que ten que ver co nome dunha santidade. Neste caso é a Nosa Señora da O. Esta advocación de María é a mesma que a da Virxe da Esperanza, ou tamén a Virxe preñada ou embarazada. Unha imaxe que foi prohibida durante algúns séculos, pero que neste lugar muxián sempre recibiu devoción. O nome da “Virxe da O” fai referencia á exclamación admirativa “Oh!”, unha palabra coa que comezan as sete estrofas dun rezo que se fai antes do Nadal: as Vésperas, que simbolizan a espera de Xesús, como o agardou a súa nai María cando estaba embarazada. Un exemplo é “Oh, Sabiduría que saes dos beizos do Altísimo”. Deste xeito a Virxe da O foi unha maneira de chamarlle á Virxe máis curta e simpática. Podemos atopar neste lugar muxián o topónimo “On” na escrita e na fala, pero é simplemente unha derivación oral do nome O.

A Virxe embarazada da O na fachada da igrexa. /Foto: Manuel Rial/

Para rematar, quedan dúas aldeas nesta zona. Ó oeste o lugar de Sendón, que posiblemente faga referencia a unha antiga “vila Cendonet” como referencia Paulo Martínez, e cara o leste Pardiñas, que deriva da palabra latina “parietinas” segundo Cabeza Quiles, co significado de “couto, devesa, terreo ou campo coutado con paredes ou “parediñas”.

Tamén che pode interesar…

 

 

 

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario