“O noso repertorio é diferente porque pensamos que a xente está cansada de oír o típico”

O 29 de decembro de 2002 un grupo de dezaoito coralistas cantaron catro panxoliñas na igrexa de Baio. Así nacía a Coral Polifónica Xan Mella, do encontro de dúas personalidades singulares: José Rojo, Pepe de Valiña, dinamizador cultural da vila, e Tatiana Pankrátrova, profesora de música bielorrusa. Dende aquela, veñen cantando polas catro provincias galegas, Asturias, León, Madrid e Portugal. Despois de gravar dous discos, recentemente foron galardoados co Premio Nordés das Artes 2012 que entrega Radio Nordés (Cadena Ser).

O vindeiro 15 de decembro celebran o X aniversario co IX Memorial Pepe Valiña, onde estarán acompañados polas formacións polifónicas de Bergantiños e Ribadeo. O día de Santa Cecilia, patroa dos músicos, falamos co voceiro da Coral Xan Mella, Antonio Díaz Amor, que se lamenta, sobre todo, da carencia de voces novas e masculinas que sofren todas as agrupacións corais.

A coral na súa recente actuación na xuntanza de Vimianzo

Como foi a evolución musical da coral nestes dez anos enriba dos escenarios?

Primeiro optamos polo repertorio común a todas as corais, que inclúe canción galega e habaneras. Pouco a pouco, fomos incorporando cancións máis nosas de estilos como o pop. Por exemplo, cantamos California Dreaming e Hijo de la luna. O folclore internacional veu con Katiusha, unha canción canción rusa que xa se converteu no noso himno. Temos pezas en cinco linguas diferentes. En xeral, o noso repertorio é diferente ao de outras corais porque pensamos que a xente está cansada de oír o típico.

Neria organiza un certame onde participan doce corais da zona, pero aínda hai máis

Por que pensas que na Costa da Morte hai tanta afección pola música coral?

Á xente gústalle cantar, é unha afección barata, non hai que comprar nada, nin material nin instrumento. Ademais despois dos concertos sempre hai festa. Na Costa da Morte cántase moito e moi ben. Neria organiza un certame onde participan doce corais da zona, pero aínda hai máis. En canto ao premio que nos outorgou este ano Radio Nordés cremos que é colectivo e compartímolo cos compañeiros de todas as corais.

Temos pensado editar un libro que recolla a nosa historia con diferentes materiais

Que proxectos ten para o futuro Xan Mella? Estades pensando quizais en editar un novo disco?

Pois nestes momentos ese proxecto depende dos cartos, xa que en realidade teríamos repertorio suficiente para gravar outro álbum. Temos moito que agradecerlle as institucións e empresas privadas que nos axudaron a financiar os nosos anteriores discos.

Por outra parte, con motivo do noso décimo aniversario temos pensado editar un libro que recolla a nosa historia con diferentes materiais: fotos, reseñas na prensa, carteis, programas de man das actuacións e textos de amigos de Baio e outros lugares. Así mesmo, este Nadal preparamos a exposición “10 anos cantando” na Casa Ovidio (Baio). O ano que vén tamén nos faría moita ilusión volver a actuar en Portugal, onde xa participamos no certame de Paços de Ferreira.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario