A liberdade reclamada por Juan Antonio Posse

Na aldea dicíase que a casa na que nacera o crego liberal Juan Antonio Posse ( Soesto, Laxe, 1766 – San Andrés del Rabanedo, León, 1854) debía ter un tellado case a rentes do chan. En Soesto falábase de que a finca na que se criara o cura estaba custodiada no alto pola cancela de Mariana. Gumersindo de Azcárate gardaba as memorias de Posse na súa biblioteca á que accedeu Richard Herr, quen finalmente as fixo públicas en 1984. A raíz dunha información que publicara La Voz de Galicia, ás mans da miña avoa Dolores Caamaño chegou un exemplar de Memoria del cura liberal don Juan Antonio Posse y su Discurso sobre la Constitución (Editorial Siglo XXI). A toponimia particular coa que se expresaba o crego eran os lugares do día a día da miña avoa. Tan familiares, que un día deu en buscalos entre os recordos documentados que había na casa. Entre eles atopou as partida de Mariana, nai do cura; a Plática Tercera de 1838 censurada pola súa crítica á Constitución de 1837; e un catecismo de tapas duras. “Contábame a miña nai que os xoves santos, xornada de descanso ata o mediodía do venres, o seu pai lía un catecismo que pertencera a un sobriño cura”, relata a miña avoa. Agora parte dos documentos están expostos no Museo do Mar de Laxe, concello ao que pertence a Casa Vella ou Casa de Mariana, a casa da miña avoa e a casa na que naceu o cura Juan Antonio Posse.

Co gallo do bicentenario do seu discurso en defensa da Constitución de 1812, o Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) celebrou esta fin de semana unhas xornadas sobre a figura de Juan Antonio Posse. Aquela prédica, enarborando á Pepa, vaille custar unha dura persecución das autoridades, despois de que o rei Fernando VII instaure de novo o absolutismo monárquico.

Tras profundar no plano académico, unhas quince persoas arrastraron a historia á aldea de Soesto. Primeiro na Casa Vella onde, en ton máis distendido, conversaron sobre o papel do pai do crego quen, segundo narra o propio Posse, foi quen o levou a Las Muñecas (León), para facer estudos eclesiásticos cun tío que exercía alí o seu ministerio. Sería o único dos irmáns que acabaría ordenándose sacerdote, “os outros saíronlle rás”, comenta alguén. Os visitantes tamén lembraron esas primeiras xornadas celebradas en 2007, cuxas actas acabaron recollidas nunha publicación (Editorial Toxosoutos) e que comezaron a poñer o nome do crego en boca da xente da zona.

Antes da posta de sol, achegáronse á praia de Soesto lacerada polo vento do nordés. Alí, Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais, lembrou que o crego se bañara no mar aberto, nunha visita que lle fixera á súa nai enferma, e sendo Castela a súa escola de natación. Dese sitio tamén naceu o propio nome da aldea. Soesto, de sub esteiro, segundo expuxo o propio Lema. E de aí, a dilixencia foi camiño da Igrexa da parroquia de San Estevo, presidida por un retablo barroco, agora descolorido, construído por un artesán da comarca. Concluíu o presidente do Seminario, falando do apelido Posse, da súa expansión por a Bergantiños e Soneira. E mesmo o escudo dos Posse fidalgos coroa a casa do Arrueiro (Soesto) que, por unha débeda, acabou en mans dun avogado de Verín, o señor Ramón Blanco-Rajoy.

Xunto ao cruceiro de Soesto deuse por rematada a excursión, pero por uns días aínda ha quedar a imaxe daquel idilio libertario, dun crego a cabalo entre o século XVIII e o XIX que pensou en poñerlle fin á tiranía do rabaño obediente. Por iso, escribe na súa obra, en español: “Nos meus desafogos adoitaba dicir: que os máis malos dos homes eran os inquisidores; despois os freires, despois os cregos, e os últimos, os militares”.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario