O paso do tempo nas rochas do Cabo Touriñán

Por Jesús Bermúdez Areas

A península de preto dun quilómetro sobre o Atlántico que constitúe o Cabo Touriñán permitiulle ó longo do tempo ser protagonista e testemuña de feitos históricos. Converteuse no lugar elixido polos romanos para dar culto a Octavio Augusto, en escenario bélico na primeira guerra mundial e en inspiración literaria en cantares populares e obras de escritores consagrados coma Camilo José Cela.

Cabo de Touriñán dende o monte Facho

A súa singularidade xeográfica radica en que é o punto extremo ó oeste de Galicia, aínda que o Instituto Xeográfico Nacional precisou que Fisterra é o concello co territorio máis occidental de España, ligado unicamente ó continente por un estreito de terra que fai que se perciba como unha illa dende determinadas perspectivas. No lado suroeste do cabo, atópase un dos espazos con máis encanto da península de Touriñán: a illa do Castelo ou illa Herbosa, o verdadeiro confín do noso país. Unida ó continente na baixa mar por unha penedía que permite chegar con paso seco a devandita illa.

Illa do Castelo

Escritos de fai vinte séculos xa destacaban o lugar como famoso e ilustre. Xeógrafos da antigüidade sitúan no Cabo Touriñán as “Aras Sestianas”: altares romanos construídos entre os anos 23 e 19 antes de Cristo a favor do culto ó emperador Octavio Augusto. Pomponio Mela escribe sobre Touriñán “ata aquí a costa mira ó occidente. Dende aquí todas as terras miran a septentrión”.

Como parte da Costa da Morte, formacións rochosas do Cabo Touriñán como A Laxe, tamén chamada Galluda ou Farelo, e Os Buxeirados (na punta norte do Cabo), constitúen un risco para a navegación. Nas súas proximidades afundiu o barco galego “Oito Irmáns”, no 1935. A embarcación partiu en dous a causa do buque alemán, “Madeleine Reig”, que por casualidades do destino, vinte anos despois, foi tamén a pique no mesmo lugar.

Punta Buxeirados

Entre os naufraxios máis tráxicos acontecidos nesta costa atópanse o do vapor inglés “Douro”, que ía rumbo a Liverpool, e o do español “Irurac-Bat”, con destino á Habana. Na madrugada do 2 de abril de 1882, preto da Laxe, a proa do “Irurac-Bat” impactou violentamente na do “Douro” afundíndose ámbolos dous de forma case inmediata. Unha terceira embarcación, o vapor “Hidalgo” socorreu ós tripulantes e salvou a máis de 140 superviventes. Aínda así, os falecidos foron setenta e tres.

Durante a Primeira Guerra Mundial, os alemáns aproveitaron a situación estratéxica deste litoral para atacar e afundir cos seus submarinos os buques aliados.

Faros de Touriñán

Co fin de alumear a costa e reducir o número de naufraxios, en 1898 inaugurouse o primeiro faro de Touriñán, construído coa lanterna orixinal do faro Vilán. O torreiro alacantino Francisco Benlloch Buigues fíxose cargo do faro nese ano, vivindo precariamente no mesmo coa súa familia ata 1920.

Pero a escasa altura deste primeiro faro, que tiña unha torre central de oito metros sobre un acantilado de cincuenta, facía que o seu alcance fose unicamente de dez millas. Deste xeito, en 1981, inaugurouse unha nova torre de formigón, de maior altura e situada ó carón do primeiro faro. Constitúe un símbolo da automatización actual e amplía o radio de visión as vintecatro millas.

Os altares romanos, o remate da primeira guerra mundial e o faro moderno non minguaron o respecto e misterio que garda o Cabo Touriñán. Os fieis róganlle ó Cristo de Fisterra que lles axude na travesía:

Santo Cristo de Fisterra

Santo da Barba Dourada

Axúdanos a pasare

a Laxe da Touriñana

 

Ondada na Punta Sualba

Gonzalo López Abente descríbeo como “soberbo promontorio” e “monde rudo”:

Da Terra vixiante

centinela, desperto

de cote para mirar para o deserto

líquido e pavoroso que ten diante;

índice oucidental forte e barudo,

dedo o máis longo da galega man;

soberbo promontorio, monte rudo;

¡CABO TOURIÑÁN!

 

Costa de Fisterra dende o “soberbo promontorio” de Touriñán

Mentres que o Nobel galego, Camilo José Cela, decide elixir a costa entre Cabo Touriñán e Cabo Fisterra como lugar de descanso eterno:

“E dende agora mando, e para iso o publico, que o meu cadáver, tras ter sido refregado con flor de toxo, sexa incinerado e as cinzas arroxadas ó mar dende a borda de sotavento dun barco que navegue, a non menos de cinco millas da costa entre o cabo Fisterra e o de Touriñán. Encargo a manobra ó meu fillo, e se el non puidese ou non quixese levala ó fin, dispoño que se lle dea un millón de pesos a un mariñeiro galego, cincuentón e torto (conca baleira), manco (amputado) ou coxo (amputado), por esta orde, para que dea cumprimento a miña vontade”. El País, 1984.

Tamén che pode interesar:

A costa agochada de Lires

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario