Budiño, La Pegatina e O Sonoro Maxín no primeiro Asalto da Reconstrución

O Asalto deste ano ben puidera chamarse “A Revancha”. Logo de que a primeira revolta irmandiña fora sufocada, os campesiños ármanse de valor para destruír o que os señores feudais obrigaron a reconstruír. De aí o nome desta decimo sétima edición da festa máis senlleira de Vimianzo: a Reconstrución.

Nunha animada gala-casting, as almas da Asociación Xuvenil Cherinkas deron as claves da festa do Asalto, que este ano se alonga durante tres días, xa que o domingo tamén haberá actividades. E o máis agardado da noite: o cartel dos grupos do festival:

-22.00 Pra comezar, A Requinta da Laxeira, fará soar a “requinta”, un instrumento característico da zona da Ulla que intenta recuperar este grupo de música tradicional. Todo, acompañado con gaitas, pandeiretas, acordeón, percusión e voces para botar a andar a festa rachada.

http://vimeo.com/1595240

- 23.15 O prato forte do folk vén da man de  Xosé Manuel Budiño, que deixa a xira de DJ con Carlos Blanco de rapeiro para subirse ó escenario coa súa faceta máis coñecida: a de gaiteiro. En Vimianzo poderá presentar o seu último disco Volta, pero tamén poderá retomar clásicos de  Home, Zume de TerraArredor ou Paralaia.

http://vimeo.com/30974174

- 01.30 Logo de Asaltar o Castelo, La Pegatina continúa coa festa con rumba catalá. O grupo coñecido internacionalmente, como eles mesmos aseguran, non deixarán indiferente co seu frenético ritmo e o uso nas súas cancións dos idiomas peninsulares, entre eles o galego.

http://vimeo.com/41832815

- 03.00 Para rematar, un grupo galego: O sonoro Maxín. Presentará o seu último disco A Onda Sonora (chega do interior) con ritmos bailables que mesmo derivan dos sons máis verbeneiros como a cumbia.

http://www.youtube.com/watch?v=QStXHoKlVIk

O soldado Fénix

O marco destes concertos, o propio asalto á fortaleza, virá marcado pola Reconstrución do castelo que tiveron que facer os propios irmandiños, dende que foron derrotados polos señores feudais. O arcebispo Fonseca, alcumado “O santo das Tebras” sementaba o terror na comarca cos seus abusos e execucións públicas. E vistos os antecedentes e o presente, ós campesiños facíalles falta algo máis para poder coller folgos e asaltar de novo o castelo. Uns cantantes feiticeiros, os barulos, aliados disque co maligno, tirarán polo pobo para que volvan queimar a fortaleza e poderen así rescatar ós soldados conspiradores do Comando Reconstrución. E ata aquí se pode ler…

Os protagonistas da historia deste ano. No centro o despiadado arcebispo Fonseca

No casting da noite de onte, non se decidiron ós protagonistas, pero si se saberá quen será o dúo musical de feiticeiros que animarán ós irmandiños. E non podían ser outros que Damián Espasandín e Juan Gimel, os protagonistas dos vídeos creados por Ghillermo, que de novo será o que leve a batuta da historia e da representación. Tamén se ergueron na sala os once defensores que intentarán sufocar a revolta campesiña.

Damián e Juan serán os encargados de "dar a nota". Á dereita, o creador, Ghillermo (Fotos:Manuel Rial)

 

Os once defensores do castelo, de todas as idades (un está agochado)

Ambiente medieval

Alba Mancebo, quen dirixiu a gala, insistiu na importancia de que os veciños colaboren para facer do Asalto unha festa única. Por iso piden que todos decoren as súas casas ó estilo do medievo, con estandartes, escudos ou outros aparellos, e mesmo que vistan durante o propio día ó estilo da época. Para iso, a propia Cherinkas deseñou uns traxes que se poden alugar ou mercar, e que ensinaron na gala nun glamuroso pase de manequíns. Tamén podedes botarlle un ollo ó catálogo.

Antonio Carballo adiantouse a Budiño na presentación do 17º Asalto

A festa comezará o xoves 5 coa quinta edición dos Pinchos Irmandiños, no que participarán 14 bares da vila. Estes ofertarán por 1,50 € (2€ cervexa e pincho) unha tapa na que se utilicen ingredientes da época.

O venres 6 pola noite celébrase a terceira Cea Medieval, para a que xa se poden recoller entradas  na Casa da Cultura de Vimianzo (pola mañá no Departamento de Cultura e pola tarde na Biblioteca) ou mesmo na administración de lotaría da vila. Hai dispoñibles 150 entradas e só se poden retirar 4 por persoa, cun prezo de 20 euros cada unha.

Quen quede sen entrada, que saiba que a partir das dúas da noite, este ano ábrense as portas ó público para gozar da actuación musical da noite do venres.

A adaptación de The Artist é un dos vídeos de promoción do Teatro du Cherinkas

O día do lume

Durante todo o día celebrarase a II Feira Artesanal no centro da vila (Praza do Concello e rúa Vázquez Mouzo). Ademais haberá actividades de animación, obradoiros infantís, elaboración de traxes, atrezzo… A música tradicional encherá as rúas da vila feudal cos circuítos musicais e as actuacións de baile galego dos nenos da zona.

Este ano quérese reforzar a Feira de Artesanía, para que se converta no principal atractivo da vila durante o día. Para poder montar un posto no Mercado hai que inscribirse nunha ficha que hai na webwww.asaltoaocastelo.org e enviala a cherinkasax@yahoo.es ou presentala na Casa da Cultura de Vimianzo. A inscrición e a colocación do posto son totalmente gratuítos e abertos a todo o mundo, pero hai que cumprir uns requisitos: non se pode vender nin comida nin bebida e o posto non pode exceder dunhas medidas máximas de 3 metros de ancho. Ademais é obrigatorio ir vestido con roupas da Idade Media para non romper o espírito da festa.

Amplo abano de torturas para elixir na execución

Pola tarde, e como preámbulo do clímax da festa, os nenos poderán asaltar o castelo no Asaltiño. Ás 8 da tarde, os irmandiños encherán o bandullo co  touciño entrefebrado con gornición e viño do país que ofrece de balde a asociación. Durante toda a noite haberá tamén servizo de cociña.

Ás 10 comezan as actuacións e ás 12 e media da noite está previsto que comece a representación. Como novidade, este ano haberá pantallas para poder seguir o Asalto, xa que non todos poden entrar no Foxo por ter capacidade reducida. A festa rematará cando queira cada un abandonar para a súa casa ou marchar para a tenda de campaña, na zona habilitada. Pero advertimos que haberá foliada ata que amenza!

http://www.youtube.com/watch?v=8yEDYDLRLfE&list=UUJu-YEVxwKNTBLN9q_97BxQ&index=1&feature=plcp

Comentarios
Unha resposta a “Budiño, La Pegatina e O Sonoro Maxín no primeiro Asalto da Reconstrución”
  1. Gondar di:

    E haberá que ir lojo