Maratón de Talía Teatro en Dumbría polo Nadal

“Rompe a rutina” é o lema do Nadal 2012 en Dumbría. O concello creou unha serie de actividades que se reparten ó longo de todas as parroquias, nas que os cativos son os verdadeiros protagonistas. Deste xeito haberá obradoiros de manualidades de Decoración de Nadal para nenos (tamén para maiores), teatros de monicreques, espectáculos de maxia e música, cun concerto de música tradicional e un concerto didáctico.

O venres 28 haberá unha gran xornada para os nenos nas instalacións do Conco: unha festa de Nadal, con obradoiros, xogos e a representación de  Pequena de Talía Teatro.

“Pequena” de Talía Teatro

A compañía de Cee pecha con esta peza un percorrido polo concello no que representará as súas últimas obras: Pelos na lingua este sábado 8 no Ézaro e o domingo 9 O método Gronhölm en Olveira.

O Nadal dumbriés conta cun compoñente solidario. Durante esta ponte a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPADEX) colocará un posto de venda de artigos de artesanía. Estarán en Buxantes o xoves 6, en Berdeogas o venres 7 e en Olveira o sábado 8.

Exposicións fotográficas

A fotografía ten un espazo destacado neste Nadal con varias exposicións. A primeira delas, de Juan Louro, inaugurase este venres 7 na Casa de Pedra do Ézaro. Ademais pódese visitar Dumbría: paraxe con encanto de Denia Priegue en Buxantes, Panoramicamente falando de Begoña Corbal en Berdeogas. A exposición que terá unha maior sensibilidade será Dumbría en branco e negro, que percorrerá todas as casas da cultura do concello. Trátase dunha recolla de imaxes antigas do municipio, que por certo aínda ten aberto o prazo para poder dar as imaxes para que sexan escaneadas e formen parte desta mostra.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario