O celme do feísmo agóchase preto do Anllóns

Un dos meus lugares favoritos para pasar unha boa tempada de reflexión e calma, cando por fin marcharon as aves migratorias, é sen dúbida o esteiro do Anllóns. Tan fermoso, tan rico en vida, tan multicultural e multiespecial… Quero dicir, que hai moitas especies. Por algo se está a poñer de moda alí o turismo ornitolóxico, que iso é algo que non chego a entender. Ducias de humanos ollando cara nós, con prismáticos, agochados, e nós tendo que facer coma quen que non os vemos e seguir coa nosa vida rutinaria. Pero serán miróns e voyeurs e…

O longo esquelete impacta na paisaxe do Anllóns.

Ó que ía. Alí, onde o Anllóns remata e comeza a formar o esteiro está o conxunto arquitectónico que analizarei. En Ponteceso, “cabo do pinal espeso” impacta na mirada do visitante un longo esquelete de edificio, que se estende moi preto da casa do bardo Eduardo Pondal. Apousado nun cable de electricidade escoitei falar a dous señores. Segundo dicían o edificio ía ser unha casa de veciños que quedou paralizada “porque non hai cartos”. Outro edificio que se apunta á longa lista de esqueletes urbanísticos da Costa da Morte.

O edificio quedou paralizado “porque non hai cartos”

Pero non quixen quedar aí e dei unha volta para ter outra panorámica do edificio. Por pouco me dá un infarto co que alí atopei (e iso que xa teño a vista maís que acostumada). Ó lado da zona das obras hai unha “casiña” que debeu servir para asteleiro, aserradoiro ou como nave que agora está nunha decadente e sinistra ruína.

O ladrillo combínase con outros materiais construtivos coma o formigón, a madeira ou a pedra para dar coma resultado este esperpento. As fiestras están tapiadas para non permitir o acceso ao interior por sitios difíciles, xa que hai que entrar pola porta grande ou polos buratos que se foron formando nas súas paredes. Algúns tan espectaculares coma este:

Fixarédesvos en que algunhas das ventás desta casa parece ser que están feitas coas ventás dalgún automóbil.

Dá verdadeiro medo achegarse ata esta escura construción. Quen sabe que misterios se agocharán no piso superior engadido? Quizais algún deus, monstro ou ser máxico que garde o segredo do porqué do feísmo?

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario