MIRADAS

“Somos

MIRADAS sen cabeza.

Cos ollos do revés.

Podemos ver

a través de ti.

Dentro. Moi dentro.

Ata acampar no teu iris

e mastigarche as retinas”

 

entoaron, no meu maxín, os cadros da exposición colectiva. Como un himno; co alento indomeable da voz conxunta. Palpitaban as obras ao mesmo compás porque compartían un atributo común: a intensidade. Desde perspectivas diversas, exhibidas de forma distinta, pero cunha potencia capaz de transformar ao espectador.

Quen visite estes días o Salón do Voluntariado de Muxía, pode cambiar a súa maneira de ver a realidade. Tras contemplar 24 ópticas insólitas, os enfoques da percepción multiplican as súas alternativas. Así, dalgún xeito, as creacións vanse instalando nas pupilas de quen as recibe, sen dar opción á indiferenza.

En efecto, o sentir dos que asistimos este venres á inauguración de “MIRADAS” foi unívoco; un impacto aperturista na concepción das aparencias. Nese acto de estrea, participamos, ademais das autoridades locais, o profesor e crítico de arte Antón Castro e servidora, acompañada pola guitarra jazzística de Mon Búa.

Non obstante, en canto botamos a vista atrás, convertémonos en observadores de inmediato. Xunto a todos os asistentes, asombrámonos ante as “MIRADAS” que nos escrutaban fixamente desde marcos e esculturas. Foi entón, cando escoitei o canto colectivo dos versos iniciais. Como un himno. Quizais porque esas liñas viven aínda dentro de Átonos; libro ilustrado por seis dos pintores carballeses e muxiáns que interveñen na exhibición. Mais tamén pola forza coa que me mastigaron as retinas cada unha das composicións artísticas.

As 24 composicións artísticas. 24 “MIRADAS” que se debuxan no iris do espectador. Os enxeñosos ollares de Alexandro, C. Trillo, Antonio Reino, Coque Toba, Detlef Kappeler, Antonio Taracido, Fátima Fortea, Javier Toba, Cristina Santiago, Lorena Lappe, Santo Cereixo, Emi de las Heras, Susana Llorente, Lola Oviedo, Tachibana, Teresa Búa, Milagros Cotelo, Viki Rivadulla, Mon Lendoiro, Xabier de Lus, O’Mighelo, Xervasio Sar, Tres Coma Un e Zizi.

Rosalía Fernández Rial

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario