O Vigo de Malpica

Malpica garda lugares onde o mar e a paisaxe aínda gardan ese sabor antigo e salvaxe que caracteriza á Costa da Morte. Un deles é a zona de Barizo, parroquia onde se atopan as coñecidas torres de Mens e a Punta Nariga, lugares ós que lle dedicaremos un artigo máis cara adiante. Hoxe centrarémonos en Barizo, Seiruga e un pouco da parroquia de Vilanova cos dous lugares máis próximos: a Ponte Berrón e Vigo. Barizo, segundo o filólogo Fernando Cabeza Quiles, debería escribirse con V. Trátase dun topónimo con orixe pouco clara. Segundo Cabeza, Barizo viría da antiga existencia neste lugar dun “piñeiro varizo” ou variço; é dicir un piñeiro novo, alto e delgado.

Praia de Barizo. /Foto: Manuel Rial/

En Barizo hai varios núcleos de poboación. Entrando pola estrada de Ponteceso a Malpica, pasamos pola Veiga de Louro, un topónimo que fala dunha “veiga”, un “terreo baixo, amplo e fértil” (RAG) onde hai loureiros (do latín “laurus nobiles“). Entramos logo en lugares como O Pombal, onde habería un lugar onde viven pombas, A Pedreira, onde abunda a pedra, A Costa, que nos indica que hai un lugar de gran pendente, e O Campelo, literalmente un campo pequeno, un diminutivo de campo, que en español sería “Campillo“.

O Pombal, dende O Castriño. /Foto: Manuel Rial/

Subindo en Barizo cara a Punta Nariga chegaremos a O Castro e O Castriño, topónimo que nos revela a existencia dunha fortificación da cultura castrexa. Abaixo está O Picho, curioso nome do que logo poderemos sacar o significado escoitando o falar da xente maior, que aínda hoxe utiliza o verbo “pichar”, é dicir, verter un líquido. O picho é, pois, un cano por onde bota auga unha fonte. Segundo Cabeza Quiles viría do céltico expresivo *bicc- (punta, pico) pola forma puntiaguda do cano.

Visualizar o mapa ampliado

O desnivel do terreo lévanos cara ó mar, cara a fermosa praia de Barizo onde hai dúas misteriosas furnas. Seguindo cara a esquerda chegaremos ó Porto, na zona que chaman Os Loureiros, pola existencia desta árbore. En sentido contrario domina o alto do Castelo, que non é de estrañar pola posición estratéxica que toma sobre o mar. Cara ó norte están As Garzas, onde será habitual ver estas aves pernilongas comedoras de peixe. Cortando a bravura do mar na entrada da enseada están as Restingas do Co. Unha restinga, segundo a RAG, é unha “lingua de area ou rocas que se encontra debaixo da auga a pouca profundidade” unha perfecta definición do lugar, que ademais reforza a idea coa palabra “Co”, o mesmo ca “con”, a “pedra de gran tamaño, especialmente a que se atopa nas proximidades da costa e sobresae da superficie da auga, ás veces só cando baixa o mar”.

Pescando fronte ás Restingas do Co. /Foto: Manuel Rial/

Así chegamos ó Monte da Ínsua, do latín insula, que quere dicir, “terra rodeada por auga”. Dende alí temos un fermoso miradoiro cara as Illas Sisargas.

Os carteis teiman en “corrixir” os topónimos oficiais. /Foto: Manuel Rial/

Pero continuamos a nosa viaxe cara Seiruga, onde estivera proxectada unha piscifactoría. Un topónimo que parece ter tamén conflito ortográfico. Os carteis teiman en utilizar a forma errónea “Ceiruga“, cando o oficial é o nome “Seiruga” con S. Fermosa praia tamén a deste lugar, con outra magnífica vista das illas Sisargas. Aquí desemboca o rego do Esteiro, formando precisamente iso, un rico esteiro (Zona de costa onde desemboca un río e que queda cuberta pola preamar), onde abundan as gaivotas e outras especies dos humidais.

O río Esteiro desemboca en plena praia de Seiruga. /Foto: Manuel Rial/

Se puideramos navegalo río arriba pasaríamos por baixo da Ponte Berrón, onde as augas pasan por un lugar estreito facendo ruído, de aí o nome. Moi preto atópase o curioso lugar de Vigo, que pola súa etimoloxía, tampouco debería chocar tanto. Vén do latín “vicus”, que simplemente quere dicir “aldea, lugar ou propiedade rural”.

O Vigo de Malpica. /Foto: Manuel Rial/

O realmente curioso é o que nos conta Fernando Cabeza Quiles. Na noménclatura oficial aparece como Vigo, simplemente, pero aínda existe a tradición de chamalo Vigo dos Toxos. Seica isto vén dun conto que falaba dunha persoa desta aldea que, ó non estar nas súas perfectas condicións mentais, camiñando e camiñando se extraviou. Cando o atoparon, días despois a varios quilómetros de distancia, e lle preguntaron de onde era, el dixo ser de “Vigo dos Toxos”.

Río de Esteiro, ao carón do muíño de Ponte Berrón. /Foto: Manuel Rial/

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario