A ornitoloxía galega debate no esteiro de Anllóns

A Costa da Morte estáse a converter dende hai uns anos nun referente no campo do estudo das aves en Galicia. Grazas á instalación de miradoiros, rutas e paneis informativos da man de importantes expertos como Rabuñal Patiño, este saber achégase ao gran público, en especial aos rapaces da escola. Así mesmo, os expertos acoden cada ano coa celebración de congresos, que non fan máis que consolidar o potencial turístico da ornitoloxía nesta zona.

A vindeira fin de semana os membros da Sociedade Galega de Ornitoloxía reúnense no Local Social de Neaño, en Cabana de Bergantiños. O seu VIII Congreso comeza a tarde do venres cunha mesa de traballo sobre os Espazos Naturais de interese ornitolóxico de Galicia. Preténdese iniciar un proceso para a elaboración dun inventario de áreas de interese no país. A mesa de traballo está aberta á asistencia de todos os inscritos no Congreso interesados en participar tanto de maneira activa como de público. Nos vindeiros días elaborarase e porase a disposición dos asistentes un documento de partida para a súa discusión na mesa de traballo, na que se debatirá sobre a definición dos criterios e metodoloxías aplicables para a selección de espazos, así como unha posible primeira lista tentativa.

Corvo Mariño. /Foto: Raúl Carrillo/ http://sgosgo.org

Por outra parte, a xornada do sábado será moi intensa no congreso con palestras ao longo de toda a mañá e tarde. Culminarán coa intervención do experto local, Rabuñal Patiño, para falar das aves da enseada da Insua e o esteiro do Anllóns, e a cea de confraternización. Ao día seguinte pola mañá a reunión centrarase na reflexión arredor do turismo ornitolóxico en Galicia, as súas iniciativas e perspectivas, previa ás conclusións e clausura cun roteiro para observación das aves no entorno costeiro de Cabana de Bergantiños.

Se estás pensando en iniciarte no estudo de aves, neste enlace podes atopar itinerarios en coche, a pé ou en bicicleta  para a observación de especies na Costa da Morte.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario