Fado e monólogos marcan novos camiños no Auditorio de Vimianzo

Esta fin de semana comeza unha nova temporada de programación cultural no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. Neste outono xa viamos o interese do Concello por innovar e traer espectáculos diferentes (só chega con pensar en Sés ou na danza contemporánea). E desta vez non é menos, cun mes dedicado ós monólogos e unha tarde de fados.

Avelino González. /Foto: avelinogonzalez.com/

Febreiro, o mes do teatro

Este domingo 3 chegan os veciños de Zas do Teatro Badius para traer unha comedia de situacións comprometidas: Facer o sueco. O día 17 a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela ofrece a traxicomedia de suxerente título: “Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo”. O ciclo de teatro pecha con Producións Acontrabutaca, co espectáculo cómico “Dous son parella… e o demais son calumnias” no que actúan Isi e Patricia Vázquez.

Marzo, o mes das contadas

O mes do final do inverno e do comezo da primavera poderemos gozar de catro espectáculos de contacontos da man de grandes expertos na materia como son Cándido Pazó (3), María da Pontragha (10), Avelino González (17) e Celso Fernández (24).

Abril, o mes da república da liberdade

Un ano máis dedicarase o mes de abril ao sentimento reivindicativo, libertario e de memoria da República. O mes máis emotivo comeza o domingo 7 coa produción de Ti mais eu teatro A herdanza da nai. O día 14, o Teatro do Andamio pon en escea a adaptación da coñecida obra do vimiancés de adopción Manolo Rivas: A lingua das bolboretas. A visión dun neno sobre “temas de adultos” será o tema da última produción teatral do mes (o 21) con Teatro do Morcego e Os patios da memoria. Para rematar, o día 28, o cantante Emanuel Soares trasladará ó público á música portuguesa cunha tarde de fados e cantos de liberdade.

http://www.youtube.com/watch?v=pHDP1WARbp4

Maio, o mes das letras

O mes dedicado á cultura galega comeza con dúas obras de teatro: Nau de amores da Escola de Teatro de Narón (5) e o clásico de Castelao Os vellos non deben namorar representado polo Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros (12). Por último, dous concertos de vimianceses A. C. Trubisquiña: pandeireta, gaita e percusión o día 19 e guitarra o 26.

Xuño, o mes do noso

O último mes de programación cultural é a ocasión de ensinar todo o aprendido para as escolas de música e teatro do concello.

Para consultar estas propostas, tedes o cartel do Concello. Ademais seguide atentos á nosa axenda.

 

Tamén che pode interesar:

- Un outono de luxo para a Casa da Cultura de Vimianzo

-Entrevista a Cándido Pazó

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario