A Costa da Morte, eixe central do intercambio cultural

Centos de estudantes de diversos puntos de Europa chegan cada ano a Galicia para participar no chamado programa Erasmus. Un dos poucos proxectos da Unión Europea que logrou ao longo destes 26 anos unha certa cohesión e irmandade entre xentes de diferentes países. Na fin de semana, un grupo de 60 alumnos de intercambio da Universidade da Coruña,  visitou a Costa da Morte nunha viaxe organizada pola tamén europea AEGEE, unha das organizacións interdisciplinarias de estudantes máis grandes de Europa e na que, como no programa Erasmus, tamén se promove o espírito confraternizador a través de fomentar a imaxe dunha Europa unida, aberta e sen fronteiras. Cabe subliñar, que un dos primeiros presidentes desta asociación foi un dos impulsores do programa Erasmus.

Visita ao faro de Fisterra. /Foto: Alberto Pose/

Concretamente estiveron en diversos lugares da comarca como son o cabo Fisterra, onde puideron apreciar a posta de sol; ou o cabo vilán, onde tiveron a oportunidade de ver a espectacular proxección de luz que ofrece o seu faro. Por suposto, tamén viron a espectacular desembocadura do río Xallas no Ézaro, nunha oportunidade única xa que o caudal de auga do río era moi superior ao que ten normalmente.

Ademais, pasaron por outros lugares próximos á Costa da Morte, como a vila de Muros, onde coñeceron o funcionamento dos muíños de mareas e a diferenza que hai entre estes e os muíños de río; e o lugar de Carnota, no que visitaron un dos hórreos máis grandes do país, e a praia máis grande de Galicia, que se atopa moi preto.

Os estudantes quedaron abraiados ante a beleza da fervenza do Ézaro.

O traballo de asociacións como AEGEE non se limita só a organización de viaxes, senón tamén a un apoio diario aos estudantes internacionais co fin de facer a súa estadía en Galicia o máis amena posible, e axudándoos a superar tamén as barreiras lingüísticas mediante a organización de intercambios lingüísticos.

Hai que destacar tamén, a importancia que teñen os programas de bolsas de intercambio, tanto nacionais como internacionais, que non só permiten este intercambio cultural senón que tamén poden funcionar de forma positiva como un bo escaparate para fomentar o turismo na nosa comarca.

Máis estudantes.

O caso da viaxe de AEGEE non é a única, xa que tamén durante a xornada do sábado tivo lugar outra excursión de estudantes internacionais que están a cursar os seus estudos na USC, neste caso organizada por outra asociación de estudantes internacionais, ESN.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario