Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Primeira parte)

“Estas notas sobre Galicia teñen a intención de dar unha idea sobre o engado e interese dun país aínda pouco coñecido polos viaxeiros. Son o resultado dun verán pasado na esquina noroeste da Península, e por iso non pode agardarse que sexan completas, pero abranguen un campo máis amplo có ata o da agora explorado polos escritores, que, normalmente se limitaron a falar dunha ou de dúas cidades ou distritos, lugares famosos que raramente recibirán aquí máis atención cás encantadoras cidades descoñecidas, as vilas e as paisaxes das partes máis illadas.

Con só comezar a ler o limiar de Spanish Galicia (1922), xa comeza a emoción de entrar na atmosfera  da década dos vinte do século pasado e poder descubrir como eran as vilas e lugares que coñeces dende que es neno. Quen non soñou algunha vez con poder viaxar no tempo e ver como era hai anos a súa vila natal? As fotografías antigas permiten esta viaxe, pero quedan curtas e só dan unha parte da información, a outra vén da man da imaxinación.

Ler as experiencias do británico Aubrey F. G. Bell dan unha idea moi xeral de como se vivía naquel entón, pois malia a súa modestia, esta guía de viaxes conta cunha gran introdución moi documentada na que se fala de todo: dende o carácter dos galegos (reservados e “revirados”, pero realmente intelixentes, “amables, dados e humanos”), a forza da emigración, o matriarcado, a relixión (“máis baseada no paganismo ca no cristianismo”), a historia do país e a súa lingua. Bell era un experto na lingua e literatura portuguesa, polo que xa se comezara a interesar na “lingua nai”. “A medida que Portugal se separaba da terra nai, unha nova lingua xurdía do galego para conservarse no moderno portugués”).

Cando en España o galego non era tomado por idioma e era chamado dialecto -ata non hai moitos anos-, Bell ten un glosario de termos galegos coa súa tradución ó inglés e ata recolle a poesía oral e a escrita coas súas respectivas traducións. Velaquí algúns exemplos curiosos:

Palilleira (lace-maker), patacón (one penny), morriña (homesickness), queixume (murmur), xarda (kind of fish)

Ou máis rechamante é ler a Eduardo Pondal en inglés:

“When I see you there above,/ O ye heights of Pasarela, /Then I sigh for her I love”

(Penedos de Pasarela,/ cando vos vexo, penedos/, suspiro de amor por ela) (Queixumes dos Pinos, )

Ou cantares populares versionados:

A song never ending/ Is the Galician’s song/ For the song that with lailalila begins/ Ends lailalala loud and long

(“O cantar do galleguiño/ é cantar que nunca acaba./ Comeza con lailalila/ e acaba con lailalala.”)

Tres labregos galegos, imaxe tomada polo escritor Aubrey F.G. Belldurante a viaxe.

Isto demostra o interese do viaxeiro polo idioma propio de Galicia, algo que, como el mesmo asegura, non comparten os seus propios habitantes. “Por outra parte, o emigrante que regresa non ve a súa lingua coma un instrumento axeitado polo progreso e atopa escolas (…) que non están para o ensino do galego.” Coma sempre, teñen que vir de fóra para darnos  a lección.

A gheada: “unha curiosa contradición na súa doce lingua”

Algo que chama moito a atención a Aubrey é o fenómeno da gheada “unha curiosa contradición na súa doce lingua”, algo que o británico achaca ós suevos. Logo de explicar en que consiste, conta unha divertida anécdota “Os lectores de Fernán Caballero lembrarán que o criado galego pedía a súa paja, e que a súa ama lle respondía que non adoitaba darlles palla aos seus criados”.

O británico tivo ocasión de escoitar a gheada na súa viaxe a the Coast of Death, terra á que lle dedica unha boa parte do capítulo da Coruña. No nome estaba certo, pero na demarcación xeográfica ía algo errado xa que dicía que a Costa da Morte ía dende Vigo ata as Sisargas.

A aldea pontecesá de Corme, nunha imaxe de Luis Casado. /Foto: Ksado/

.

Pica aquí para ler a segunda parte.

Para consultar:

- Bell, Aubrey F.G., Spanish Galicia, London, 1922 (Descarga do orixinal)

- Bell, Aubrey F.G., Galicia vista por un inglés; Gómez Clemente X. M. (trad.), Ed. Galaxia, Vigo, 1994

Tamén che pode interesar:

- Unha viaxe no tempo a ollos dun paxaro

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario