O Entroido de Dumbría finaliza con dúas comparsas gañadoras

Dúas comparsas resultaron gañadoras no festival de Entroido que se celebrou onte en Dumbría. Malia que a choiva estivo presente durante a celebración, o público non fallou a unha das citas obrigadas da Costa da Morte neste tempo previo á coresma.

O exército de Gures converteu o desfile das comparsas nunha auténtica marcha militar. /Foto: Cedida/

O Festival de Comparsas deu comezo arredor das 5 da tarde co tradicional desfile dos participantes polas rúas de Dumbría. Este ano contaron con tan só 3 comparsas, a diferenza doutros anos nos que teñen chegado a participar ata media ducia. Pero non por iso foi máis doada a tarefa do xurado, que despois dunha difícil deliberación decidiu compartir o primeiro (800€) e segundo (400€) premio entre A Granxa Desafiuzada, de Lires e O Rei León, de Buxantes Calidade. O terceiro galardón (200€) quedou finalmente nas mans dos veciños de Gures (Cee). O xurado estivo composto polos televisivos Jorge Mira e María Canosa, o xornalista Xosé Ameixeiras e a Concelleira de Cultura do Concello de Dumbría.

As Cantareiras de Ardebullo non quixeron perderse o Entroido de Dumbría. /Foto: cedida/

Cabe citar que a celebración estivo amenizada polas Cantareiras de Ardebullo, as coñecidísimas Mucha e Nucha, as que demostraron que tanto a través da pequena pantalla como en directo o delas é divertir aos espectadores.

Éxito de asistencia ao Entroido de Muxía.

A Granxa Desfiuzada foi a gañadora do concurso de comparsas celebrado en Muxía. /Foto: Cedida/

Por outra parte, Muxía tamén tivo unha cita co Entroido, que este ano celebraron por todo o alto, posto que ademais do concurso de disfraces individuais e comparsas tamén contaron coa a actuación da Orquestra Alaska, un proxecto musical no que varios dos seus compoñentes son veciños da Vila da Barca.

Ao igual que ocorrería un día máis tarde en Dumbría a comparsa A Granxa Desafiuzada fíxose co primeiro premio, un premio que estivo acompañado das risas e aplausos tanto do público como dos membros do xurado. En total participaron unhas 5 comparsas nas que había todo tipo de disfraces: Zombis, tribos africanas e ata a mesmísima Familia Real ao completo.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario