Dous exércitos desfilaron polas rúas de Vimianzo no Entroido

Por terra, por mar, e, sobre todo, por aire, chegaron as comparsas da capital soneirá no seu día grande. O Luns de Entroido o protagonista é Vimianzo. Malia a chuvia e ser día laborable xuntouse bastante xente no desfile e aínda máis despois no pavillón, onde se tivo que realizar o concurso. O impresionante conxunto das Danzatecas marcou o paso do desfile ó son dos ritmos marciais da percusión. A comparsa vimiancesa representaba a un exército de 105 persoas -mulleres na súa maioría-  das tres forzas: da terra, mar e aire, este último cun caza que se movía e botaba fume a propulsión. O espectáculo repetiuse despois no pavillón, onde agardaba outro exército máis inusual: un grupo de 70 Paxaros Enfadados (Angry Birds) que botaron a bailar o Gangnam Style nun hipnotizante xogo de cores.

As Danzatecas desfilaron por Vimianzo. /Foto: Manuel Rial/

Un exército de mulleres tomou a rúa. /Foto: Manuel Rial/

E outro exército tamén, de Paxaros Enfadados. /Foto: Marta Rey/

A Mellor Comparsa de Vimianzo foron os Paxaros Enfadados. /Foto: Manuel Rial/

As dúas comparsas vimiancesas levaron premio, xa que a terceira non puido asistir por un leve accidente. Era o Rei León de Buxantes Calidade, gañadora o martes do Entroido fisterrán. Os Paxaros Enfadados “trubisquiños foron a Mellor Comparsa de Vimianzo e o exército feminino das Danzatecas levou o premio á Mellor Comparsa, galardón que suman ó primeiro premio de carrozas en Compostela, ó segundo en Carballo e ó terceiro en Negreira.

As Danzatecas foron unhas das máis premiadas. /Foto: Manuel Rial/

Un avión tomaba as rúas vimiancesas. /Foto: Manuel Rial/

Os Paxaros Enfadados bailaron un multitudinario Gangnam Style. /Foto: Marta Rey/

O público ateigou o pavillón vimiancés. /Foto: Marta Rey/

Luciano levou a batuta do Entroido. /Foto: Marta Rey/

En Vimianzo tamén houbo premio para os grupos. O mellor grupo foi Vimianzo GP, que montou unha carreira de moto-bicicletas no pavillón con caídas e cava para os gañadores. O premio local levárono as rapazas das Colombianas do Café, que foron as únicas que rimaron e que gardaron esta tradición do Entroido.

Vimianzo GP montou unha carreira no pavillón. /Foto: Marta Rey/

As Colombianas do Café, as únicas que rimaron. /Foto: Marta Rey/

Mención especial merece este pequeno John Travolta, o único do grupo que bailaba con xeito. /Foto: Marta Rey/

Ou os maiores de Geriatros que tamén desfilaron en Vimianzo. /Foto: Marta Rey/

Houbo disfraces moi elaborados na festa soneirá, algúns dos cales levaron tamén un galardón. Os cativos premiados foron un impresionante neno-globo, unha ovelliña e unha Carapuchiña Vermella que non apareceu para recoller o premio. O adulto premiado -o único que se presentou- foi unha especie de home-globo-taberna hawaiana.

O neno-globo foi o primeiro premio individual. /Foto: Marta Rey/

A ovelliña, o segundo premio dos nenos. /Foto: Marta Rey/

A desaparecida Carapuchiña Vermella. /Foto: Marta Rey/

A taberna hawaiana. /Foto: Marta Rey/

O xurado estivo composto por catro membros dalgúns medios de comunicación da Costa da Morte: Ubaldo Cerqueiro, do Quepasanacosta, José Manuel Ramos do Correo, Mar Varela de RadioVoz e Manuel Rial, do Compás.

Tamén che pode interesar:

- O Rei León convértese no Rei da Costa da Morte

- O Entroido de Dumbría finaliza con dúas comparsas gañadoras

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario