O Rei León convértese no Rei da Costa da Morte

O premio do 25 aniversario do Entroido máis senlleiro da Costa da Morte tivo que resolverse entre animais. Os de Buxantes eran animais do disfrace e da posta en escena; os de Lires, animais do humor e da crítica retranqueira. Finalmente, O Rei León de Buxantes e a súa tropa de habitantes da sabana levaron o primeiro premio despois dun empate en puntuación. A comparsa fisterrá, que por pouco non entra a participar pola tardanza en apuntarse, quedou por primeira vez en tempo fóra do primeiro posto.

Buxantes Calidade destacou pola súa estética. /Foto: Darío Gómez/

Así foi a clasificación dun Entroido que queda marcado na historia por ser a edición do cuarto de século, pero que non foi quen de superar o alto listón que lle concedeu o sobrenome do “Rei da Costa da Morte”. E é que este ano só participaron tres comparsas, unha baixa que se lle achaca á crise. Ademais, entre o público que ateigou o pavillón fisterrán (preto de mil persoas) había moito mirón, pero pouca xente disfrazada malia ser o día grande dunha das festas de máis sona da vila da fin do mundo. Con todo isto, en Fisterra aínda saben rimar e facer coplas satíricas, algo imprescindible nas festas de don Carnal. Porque parece que nas comparsas se vai esquecendo “o escarnio e o maldizer”.

O alcalde de Fisterra J.M. Traba entrega o primeiro premio. /Foto: Darío Gómez/

Resultado apretado de dúas comparsas de calidade. Na imaxe, Lires. /Foto: Darío Gómez/

A chuviosa tarde do martes comezou coa actuación de Buxantes Calidade. A maxestosa imaxe dunha trintena de animais da selva chegando á Rocha do Rei ó son do Circle of Life (O círculo da vida) poñía a pel de galiña tocando a fibra sensible da infancia de moitos dos presentes. As máscaras de león, o traballado disfrace do xamán e as curiosas xirafas eran dunha gran beleza plástica. A partir de aquí, foi o momento das coplas, centradas na chegada da Volta ciclista á Costa da Morte cos alcaldes de Fisterra e Dumbría case dados da man, malia as diferenzas de partido. O pequeno Simba, que se puxo a falar cos maiores, merece un Goya polo seu garbo. O espectáculo rematou cun remix de cancións pachangueiras, nos que non faltou o Gangnam Style, presente en todas as actuacións da tarde.

Magnífico “Círculo da Vida” dos de Buxantes. /Foto: Darío Gómez/

As xirafas, un dos traxes máis orixinais. /Foto: Darío Gómez/

A escena dos ciclistas tivo en contra que non aprenderon o guión. Pero bravo polo neno! /Foto: Beatriz Romero/

O grupo local, a comparsa Manhattaneo y viceversa, presentábase por primeira vez ó Entroido. Disfrazados de M&M vermellos e amarelos viñeron dispostos a facer rir á xente para facer doce o ambiente. O momento máis destacable no medio dos bailes e sketches, foi a versión galega de “En el paro estoy” que circula por Internet, parodia ó mesmo tempo do Gangnam Style. No medio da actuación tres rapaces da comparsa deron o efecto sorpresa ao Full Monty, ó quedárense só cun tanga de elefante. Na actuación non faltou a crítica social e política aludindo aos enchufes ou cos “versos” ao alcalde: “Todos che critican e ti polas tabernas”.

Un dos sketch dos M&M de Fisterra. /Foto: Darío Gómez/

Os Manhattaneo de Fisterra bailando coreografías. /Foto: Beatriz Romero/

Hai que ter “elefantes” para ir así “vestido”. /Foto: Beatriz Romero/

Para rematar, viñeron fortes os de Lires, que por primeira vez montaban unha comparsa. Constante e a súa muller chegaban tristes a Fisterra peregrinando cos animais da súa granxa, tralo desafiuzamento obrigado por Novagalicia Banco. A crítica política e o humor máis enxebre arrincaron as gargalladas do público, con alusións directas ás “austeridades” alí presentes, ao entregárenlle ó rexedor fisterrán un sobre cun currículum e billete de cen euros, e uns chourizos ao secretario interventor. O baile e a música non puideron faltar na actuación, na que destacan a peza de muiñeira que botaron os animais, a gaita do galo ou a danza sensual e provocativo da protagonista ó son da Loba de Shakira.

Os protagonistas da Granxa levan o humor no sangue. /Foto: Darío Gómez/

Os de Lires levan a palma da crítica política. /Foto: Darío Gómez/

Foron só tres comparsas, pero ben intensas e que fixeron suar ó xurado para poder decidir no empate final, que dou o galardón do Rei da Costa da Morte ó Rei León.

Os gañadores do Entroido Fisterra 2013. /Foto: Darío Gómez/

Agradecemos a axuda do noso novo colaborador fotógrafo Darío Gómez.

Tamén che pode interesar:

- “O Entroido de Dumbría finaliza con dúas comparsas gañadoras”

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario