A Mikaela encheu de troula as rúas de Buño

Calquera escusa é boa para seguir celebrando o Entroido. E se falamos da Mikaela de Buño, mellor. A pequena vila malpicá acolleu este sábado a centos de persoas, tanto veciños coma xente de fóra. Sobre todo mozos, pero tamén maiores e cativos, buscaron no armario o último disfrace deste ano para despedir o Entroido por todo o alto.

A Mikaela durante a “misa” na súa honra

Á media tarde saía a figura da muller de curvas prominentes en procesión. Unha comparsa que percorreu os bares da localidade desde ese momento ata máis aló da medianoite . Todos os fieis da Mikaela estaban dispostos a darlle unha boa despedida, pois a xigante tiña as horas contadas. Ía escurecendo e achegábase o momento da queima. Antes, aínda lles deu tempo á gran muller e a todos os entroideiros a bailar, cantar e beber (isto por riba de todo) baixo o palco montado sobre un camión onde non faltou a música para animar a procesión nocturna.

A comitiva dirixíndose a Casa Elías

A imaxe típica de calquera bar durante a Mikaela

Había xente nos bares e as rúas estaban ateigadas

Cara ás 11 da noite a voluptuosa figura foi queimada, poñendo fin á procesión, aínda que non á festa. Tras este “enterro” a música continuou ata altas horas da madrugada coa orquestra Los Príncipes e o grupo Os Revenidos.

A Mikaela tiña que ser queimada

A figura voluptuosa envolta en lapas

A Mikaela é un Entroido diferente, non cabe dúbida. Queda menos dun ano para repetir.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario