As comparsas de Piñata triunfan na Costa da Morte

Ademais dos numerosos enterros de sardiñas, percebe, Mikaela, Caietano e Farruco, o sábado foi día de concursos de Entroido na Costa da Morte. O último celebrouse en Baíñas, cita que conseguiu sorprender pola enorme cantidade de público e as ganas de festa dos seus asistentes. O lacón con grelos e as filloas non faltaron malia estarmos xa en tempos da coresma, e a troula continuou máis aló da medianoite. Houbo premios para disfraces individuais dos pequenos (a ovelliña de Vimianzo volveu gañar xunto cun espelido Robin Hood) e tamén para os adultos (unha elaborada cociña andante e un “transformer”). Ademais disto houbo gran cantidade de grupos, dos que destacaron unha numerosa “procesión” labrega co seu carro de vacas e os seus agricultores. Tamén houbo oportunidade de comer as uvas ó son das Badaladas de Entroido coa presentación do mesmísimo Ramón García e de -intuímos- Carmen Sevilla.

O exército das Danzatecas desfilou por última vez na casa. /Foto: Manuel Rial/

As Badaladas de Entroido puxeron o “glamour”. /Foto: Manuel Rial/

Cara ó final chegou o momento do concurso de comparsas, ao que asistían dous grupos gañadores: as Danzatecas (co seu premio fresco dende Padrón) e Buxantes Calidade (co galardón de Cee). Os Paxaros Enfadados da A. C. Trubisquiña tampouco faltaron á festa e pasárono en grande bailando o Gangnam Style. Finalmente, O Rei León impúxose ó exército militar da comparsa local das Danzatecas, que levou o segundo premio en Baíñas. No xurado estaba O Compás, ademais do Correo e da Voz de Carballo.

Aos Paxaros Enfadados ninguén lles quita as ganas de festa. /Foto: Manuel Rial/

Filloas e máis filloas para despedir o Entroido en Baíñas. /Foto: Manuel Rial/

Buxantes Calidade volveu sorprender ó público. /Foto: Manuel Rial/

Éxito en Cee

O cambio de data do concurso de Entroido de Cee para o sábado conseguiu o esperado: atraer máis público e máis comparsas. Ata nove grupos participaron nunha edición na que volveron destacar, como xa pasara en Dumbría e Fisterra, A Granxa Desafiuzada de Lires e O Rei León de Buxantes Calidade, quen finalmente levou o primeiro premio.

Tamén che pode interesar:

A Mikaela encheu de troula as rúas de Buño 

– O Rei León convértese no Rei da Costa da Morte

– Dous exércitos desfilaron polas rúas de Vimianzo no Entroido

– O Entroido de Dumbría finaliza con dúas comparsas gañadoras

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario