Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Segunda parte)

Pica aquí para ler a primeira parte.

A viaxe en barco pola ría de Corcubión dende O Pindo impresiona a Audrey F. G. Bell.  Todas as sensacións que vai recollendo neses momentos (os cantares dos mariñeiros, as casas brancas, as cores da auga, o son da fala…) fan levar ó inglés a pensar en Grecia. De feito, para el o país galego é “unha mestura de Escocia ou Cumbria con Italia ou Grecia”, e pouco ten que ver coa Suíza ibérica da que falan algúns autores.

A vila de Corcubión non entrou polo ollo de Bell. Segundo di “non é nin moi interesante nin moi bonita” aínda que rápido engade varias xoias: “a súa badía ou a vista magnífica do monte Pindo (…), o verde transparente da auga no seu peirao, ou o paseo de plátanos”. Tanto Cee coma Corcubión son “vilas agradables”  que teñen un encanto especial “cando están cheas de luces nos tépedos seráns do verán”.

Imaxe antiga de Corcubión. /Foto: Ramón Caamaño/

De camiño a Fisterra, o viaxeiro inglés fai unha fantástica descrición cromática da paisaxe e dos veciños. “Unha rapaza vestida de gris, cun pano sedán escarlata e de pelo como o acibeche torna unhas vacas rubias, e as mulleres, tamén con pelo xitano e vestidos castaños, laranxas negros ou grises, rozan a derradeira carga de toxo; unha rapaza cun pano dourado, corpiño vermello e saia gris volve a casa sobre un carro de vacas que chía”. Fermosas descricións para desbotar a imaxe dunha Galicia en branco e negro.

Os veciños de Corcubión xa advertiran a Bell da “sucidade insá” de Fisterra, polo que o que viu non o atopou desprevido. “A vila de Fisterra sofre os males do prolongamento illado do mundo. As casas parecen miserables e as rúas descoidadas están cheas de xurro e lixo.” Ata os veciños lle provocan unha estraña sensación: “Moitas das mulleres son de pel extraordinariamente escura e teñen unha expresión triste, ameazante, case sinistra”. En canto á arquitectura, chámalle a atención que as casas, malia pareceren moi baixas dende a estrada principal, “son realmente de tres andares, xa que polo outro lado descenden ata o nivel do mar”. Hoxe en día, o dos tres andares parece cousa de risa…

O camiño cara Muxía é ben tranquilo, agás en ocasións coma Morpeguite onde se fai impracticable, e chama a atención o paso pola fiestra dunha taberna onde se ve a un grupo de campesiños, “con grandes sombreiros de feltro castaño, sentados ó redor dunha mesa para xantaren o caldo feito con grandes cantidades de millo”.

Muxía en 1924. /Foto: Ramón Caamaño/

Así chega a Muxía, “unha viliña gris e branca, granito e cal, rochas e escuma” que daquela tiña uns 1.200 habitantes. Audrey F. G. Bell describe de xeito moi completo a lenda das pedras máxicas do santuario da Barca mailos ritos que alí se realizan. Un lugar ao que xa acudían moitos romeiros ou simples grupos de mariñeiros que “veñen a cotío para contemplar o santuario e as marabillas que o rodean, e tamén o mar que dende aquí se ofrece nunha magnífica vista” cara Camariñas. Chámalle a atención a Bell a cantidade de “febles valados de pedra” que dividen as propiedades e que cruzan e volven a cruzar o outeiro que está por riba da vila, malia que o seu solo rochoso produza pouco. Malia a incomunicación de Muxía (non había telégrafo nin luz eléctrica), os veciños si podían ler o xornal do día grazas a que a prensa chegaba en dilixencia ou a cabalo dende Berdoias.

O santuario da Barca, sen torres. /Foto cedida por J. M. Touriñán Currás ao Proxecto Buxerana: http://proxectobuserana.blogaliza.org/

Audrey, como xa se advertiu, viña a Galicia sabendo que se falaba unha lingua propia, que ademais tiña unha literatura de seu. Non faltan aquí as referencias a Rosalía de Castro e a Gonzalo López Abente, que estaba vivindo en Muxía mentres o inglés visitaba a vila. Do poeta di que cantou “o encanto e a desolación do lugar e a súa contorna”.

Dende Muxía vese Camariñas, vilas enfrontadas na ría e tamén entre elas. Bell recolle “a forte retesía” que manteñen os dous lugares cunha divertida anécdota: “O pescador de Muxía que cruza a xente cara á outra vila advírtelle que Camariñas non ten rúas, só quenllas. A patroa da pensión de Camariñas desexa saber inmediatamente se había moitos hóspedes na fonda de Muxía, a taberna do tío Marcos”. Algunhas cousas tardarán outros tantos centos de anos en cambiar…

Pica aquí para ler a derradeira parte.

Para consultar:

- Bell, Aubrey F.G., Spanish Galicia, London, 1922 (Descarga do orixinal)

- Bell, Aubrey F.G., Galicia vista por un inglés; Gómez Clemente X. M. (trad.), Ed. Galaxia, Vigo, 1994

Ramón Caamaño, Historia viva da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera (1999)

Tamén che pode interesar:

- Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Primeira parte)

- Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Derradeira parte)

Unha viaxe no tempo a ollos dun paxaro

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario