Dombate achégase ao seu aspecto orixinal

Pouco despois da conmemoración do vintecinco aniversario do inicio das escavacións no dolmen de Dombate, a pasada semana deuse un paso máis na súa restauración. O corredor do megalito recuperou a súa aparencia orixinal, a que tiña cando era utilizado como lugar de enterramento. A empresa Arkaios rematou a colocación das dúas lousas que cubrían o acceso, no que as pinturas e gravados permanecían ao descuberto dende as escavacións de finais dos oitenta. Así mesmo, na contorna foron colocadas as réplicas dos idoliños que actuarían como gardiáns da tumba.

Dombate co corredor restaurado e os idoliños colocados /Foto: B. Romero/

O proceso foi delicado xa que, ao non poderen usar unha grúa, Manuel Lestón e o seu equipo tiveron que levantar o ortostato de catro toneladas de xeito moi rudimentario. Valéronse de paneis de madeira para arrastralo, usando un sistema moi similar ao empregado polos construtores do dolmen. Este traballo xa estaba previsto no Plan Director deseñado por José María Bello Diéguez, responsable das primeiras escavacións, xunto co restaurador Fernando Carrera e o arquitecto Fernando Cebrián.

Detalle da lousa recén colocada que cobre o corredor de acceso ao dolmen /Foto: B. Romero/

As réplicas dos vinte idoliños antropomorfos de pedra están colocadas na súa posición orixinal, pechando o adro da anta xunto cunha reprodución do Dombate antigo. Hai uns meses o dolmen de Dombate recibía a súa réplica, a peza que permite coñecer de primeira man o aspecto das pinturas e gravados descubertos no seu interior. Coa reposición da cobertura do corredor de entrada e a colocación dos idoliños podemos achegarnos máis á contemplación do megalito co seu aspecto orixinal, coma un lugar pechado e sagrado, para o enterramento colectivo e o culto.

Vinte idoliños antropomorfos son os gardiáns do adro de Dombate /Foto: B. Romero/

A pesar de dar por finalizada a restauración, en Dombate aínda queda moito por facer. Nalgunhas zonas do pavillón poden verse pozas que evidenciarían que o sistema de climatización do edificio non está a funcionar como se agardaba para poder garantir a conservación das pinturas. Por outro lado, a musealización segue a ser moi deficiente, os paneis explicativos son escasos e pouco visuais, por non falar da falta de contido do centro de interpretación e a ausencia dun guía.

Outra perspectiva do dolmen de Dombate cos seus visitantes /Foto: B. Romero/

 Tamén che pode interesar:

Dombate, a corazón aberto

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario