Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Derradeira parte)

Pica aquí para ler a primeira parte.

Pica aquí para ler a segunda parte.

“Camariñas, rodeada de piñeirais e nubes de gaivotas, ten xardíns e hortas ben gorecidos, parras de viño, verbena, etc. A area invade as rúas e as casas e permanece ó redor da pequena capela da Nosa Señora do Carme.” O viaxeiro británico Aubrey F. G. Bell levou mellor impresión da “pombiña do Vilán” ca o que lle contaron na súa viaxe dende Muxía.

O ruído das palilleiras atrae ó británico, que segundo di “óese o son dos palillos dende Muros a Camariñas”. As mulleres sentaban no interior das súas casas, baixo os balcóns, nas rúas ou á sombra dos hórreos para traballar coas almofadas. Bell recolle as escasas ganancias económicas que obtiñan as palilleiras polo seu traballo: “De media gañan entre dúas e cinco pesetas por día, traballando dez horas e moitas veces máis, pero quéixanse do custo dos carrís de fío.” Malia que se fai encaixe en moitas das aldeas do redor, o único lugar dende o que se exportaba era Camariñas, segundo o autor, uns tres millóns de pesetas ao ano.

Palilleiras na rúa. /Foto: Ramón Caamaño/

Despois de visitar a vila, Aubrey diríxese ó Faro Vilán “de granito púrpura avermellado, ao pé da cal, aló embaixo, o mar verde escuma e boura nos cons”. O británico puido subir ata a lanterna do Vilán, unha “fascinante” experiencia ver o pequeno punto de luz que coa axuda de reflectores crea “fantásticas pantasmas brancas que andan á espreita toda a noite na gándara e nas rochas”. Dende alí pode ver toda a costa dende “a illa de Touriñán ó sur ata as Sisargas ó norte”. Segundo Bell, o mar rompe e soa fortísimo creando unha magnífica paisaxe salvaxe que a volveu tan perigosa. Como é de imaxinar, Bell recorda con especial emoción no seu libro a traxedia do H. M. S. Serpent, o naufraxio dun navío no que morreron 172 compatriotas del.  O británico conta que “mesmo as mulleres máis anciás de Camariñas non poden falar, sen bágoas, da vista da ribeira estrada cos corpos ó día seguinte.

Camariñas no 1929. /Foto: Ramón Caamaño/

Aubrey parte cara Laxe volvendo pola ría de Camariñas cara o “lugar do Porto” e despois subirá por un “camiño de ferradura” no medio dunha espléndida paisaxe de breixos, piñeiros e “unha ducia de cotos con elegantes penedos ergueitos contra o ceo azul turquesa que semellan ter o dobre da súa altura”. Sen dúbida refírese ós Penedos da Serra da Pena Forcada, os de Piñeo e os de Pasarela e Traba. Pasará o británico por dúas aldeas vimiancesas, das que para adiviñarlle o nome real hai que botarlle imaxinación. Dende o alto da aldea de “Retesende” (Recesindes) aínda asegura ver o Santuario da Barca de Muxía.  Para Bell, este é un lugariño pintoresco, formado por casoupas de pedra sen cheminea, todas grises e a miúdo sen fiestras, dos que “os únicos habitantes parecen ser mulleres, cativos e porcos que teñen por único alimento a boroa”, que se constrúen nos fornos de pedra que sobresaen das casas.  Bell chega a outra aldea vimiancesa, “Paradela” (Pasarela) “unha aldea de casas pobres e dispersas” pero que garda detrás de si o camiño por “un país tan salvaxe como se queira imaxinar”. Destaca as gándaras de breixo, os fentos de cores e sobre todo os “penedos de granito de fantásticas formas”.

Chegado ó val de Traba, Bell alóxase na pousada de Melgueiras, unha casa pobre dun campesiño que fóra dos elementos tradicionais galegos destacan a cerámica vidrada de Buño e unha escopeta pendurada da parede. Segundo di, a xente desta aldea de Laxe, está illada da civilización e para elas o acontecemento principal das súas vidas é a peregrinación a Santiago. A muller da pousada, moi pía, quedou moi contenta co agasallo dunha postal da Virxe da Barca, “pero o seu home estivera en Buenos Aires e viñera con ideas socialistas e anticlericais”. Seica nesa pousada, nun gran cuarto, corenta ou cincuenta mulleres uníanse para facer encaixe pola noite cantando cántigas,”acompañadas polos homes máis desocupados” e onde os domingos se facían grandes bailadas de muiñeiras.

Ó día seguinte Bell chega a Laxe, unha vila pesqueira “moi agradable” “cun par de centos de casas con paredes de granito gris e tellados cor gra”, cunha igrexa grande de pedra que estaba “xusto enriba do mar”. No outro lado xa está Corme “máis grande e máis branca” situado na aba dun outeiro “cun aire da Grazalema andaluza”.

A aldea pontecesá de Corme, nunha imaxe de Luis Casado. /Foto: Ksado/

Despois de pasar polo esteiro do río Anllóns chega a Ponteceso onde a primeira cousa que ve é a casa de Eduardo Pondal, logo de pasar pola ponte de pedra preto da cal “os botes están continuamente cargando madeira”. O que fora fogar de Pondal “despois de Rosalía de Castro o máis grande poeta galego do século XIX” semella estar igual ca agora, a mesma casa de pedra co alto cruceiro na porta e cun xardín en pendente “con laranxeiras e un piñeiral escuro preto que fala, sen necesidade de preguntar, de que aquela casa é a do poeta dos Queixumes dos pinos.”

“Algúns quilómetros máis alá” Bell visita a “encantadora”vila de Buño, unha longa ringleira de casas brancas e pardas ó pé da estrada, coa igrexa gris de Santo Estevo. O británico queda impresionado polo laborioso traballo dos oleiros de Buño e describe amplamente como se facía. Conta que había uns cincuenta oleiros que traballaban en cadansúa casa, pero que despois se cocía en catro ou cinco fornos grandes comúns. O prezo era de vinte cinco reais “a carga dun carro”.

Bell despídese da Costa da Morte, sen visitar Malpica, volvendo dende “a vila mercantil” de Carballo ata Baio, onde pasará a noite. Xa daquela se collía alí o omnibus a Santiago, facendo a mesma ruta ca actual. Dende a fiestra da pousada de Baio despide a viaxe e o capítulo dedicado á provincia da Coruña: “campos de millo e piñeirais que teñen o pé casas encaladas de tellados escuros e unha pequena capela nun picouto. Nun día aínda de outono as pombas voaban lentamente sobre as galerías grises e un vento lixeiro zoaba entre os milleirais que ían amarelecendo. “

Para consultar:

- Bell, Aubrey F.G., Spanish Galicia, London, 1922 (Descarga do orixinal)

- Bell, Aubrey F.G., Galicia vista por un inglés; Gómez Clemente X. M. (trad.), Ed. Galaxia, Vigo, 1994

Ramón Caamaño, Historia viva da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera (1999)

Tamén che pode interesar:

Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Primeira parte)

- Unha viaxe á Costa da Morte dos anos vinte (Segunda parte)

Unha viaxe no tempo a ollos dun paxaro

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario